Medio Ambiente

A tartaraña cincenta, unha especie "vulnerábel" e ameazada por parques eólicos que a Xunta non protexe, é elixida Ave do Ano

Exemplar da tartaraña cincenta. (Foto: Nós Diario)
Colectivos ecoloxistas veñen alertando nos últimos anos do declive poboacional desta ave ameazada, que ao igual que a práctica totalidade das especies recollidas no CGEA non dispón aínda dun plan específico de recuperación ou conservación, como exixe a lexislación vixente.

Con 3.187 votos, case mil máis que o segundo clasificado, a tartaraña cincenta (Circus pygargus) foi proclamada Ave do Ano 2023 a través da votación popular lanzada pola entidade ecoloxista SEO/BirdLife. Quedou diante do voitre branco (Neophron percnopterus) e a ganga ibérica (Pterocles alchata), especies que, do mesmo modo que o taxon gañador, están actualmente baixo ameaza.

A tartaraña cincenta, de feito, está incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) coa categoría de "vulnerábel", o que, con base no Decreto 88/2007, que regula este documento, obriga a desenvolver un plan de conservación para garantir a súa conservación e estabelecer as medidas axeitadas "que permitan preservar, manter e restabelecer as poboacións naturais, facéndoas viábeis".

Mais a realidade é outra e, tal e como alertaban asociacións ecoloxistas o pasado ano, cando facía quince anos a entrada en vigor do CGEA, só catro das 201 especies recollidas neste catálogo contan hoxe cun plan de conservación —para as vulnerábeis— ou de recuperación —en perigo de extinción—. E entre elas —como se pode comprobar no portal da Consellaría do Medio Ambientenon está a tartaraña cincenta, que, segundo constatou Adega, experimentou un declive de "entre 59 e 81%" entre os anos 2006 e 2017 na Galiza.

"A aparente condena á extinción na nosa terra da tartaraña cincenta e a gatafornela, vista con pasividade pola Administración central, probabelmente teña un paralelismo no declive de lavercas comúns, mouchos de orellas e outras aves. E, quizais tamén, coa perda das poboacións de anfibios, réptiles, peixes, mamíferos, invertebrados e mesmo de boa parte das plantas nativas da Galiza", sinalaron desde Adega.

Á importancia da conservación desta especie fixo esta cuarta feira alusión Asunción Ruiz, directora executiva de SEO/BirdLife, após o seu nomeamento como Ave do Ano: "Para a tartaraña cincenta é necesario atopar solucións conxuntas que eviten a destrución de niños durante a época de sega e aseguren o mantemento e apoio aos sistemas de explotación agrícolas máis respectuosos coa biodiversidade. Debemos garantir políticas e axudas que conserven aos aguiluchos e aos agricultores que os teñen nas súas terras".

No marco da campaña de sensibilización que a entidade ecoloxista desenvolverá ao longo de todo o ano, instará as comunidades autónomas a adoptar "medidas agroambientais específicas" para as zonas de especial interese da tartaraña.

O impacto dos parques eólicos

Entre as principais ameazas, apuntan, atópanse as grandes instalacións de enerxías renovábeis, polo que SEO/BirdLife defenderá o fomento de proxectos "responsábeis" e a exclusión de parques eólicos ou plantas fotovoltaicas, así como liñas eléctricas de alta tensión, nos territorios "chave" e "zonas sensíbeis" para esta ave.

No caso dos aeroxeradores xa operativos en lugares con alta presenza da tartaraña cincenta, o colectivo exixirá estabelecer "períodos de parada" durante a época reprodutora, "valorando a paralización total da actividade nos meses nos que a especie se atopa no Estado español".

No caso concreto da Galiza, as 27 turbinas eólicas erguidas no concello de Paradela chegaron a mans da Fiscalía perante unha denuncia formulada por diferentes entidades ecoloxistas, que advertían do seu impacto, entre outras cuestións argumentadas, sobre a tartaraña cincenta e gatafornela. Aliás, a especie elixida Ave do Ano 2023 está presente en varias das áreas de implantación de proxectos eólicos, coa consecuente afección ás súas poboacións.