A Xunta só protexe 4 das 201 especies animais e vexetais ameazadas na Galiza

Exemplar da tartaraña cincenta, unha especie vulnerábel non protexida que perdeu a metade da súa poboación en 10 anos (Foto: Europa Press).
Adega denuncia que Greenalia, empresa da que é directiva a ex conselleira Beatriz Mato, tivo acceso a "información privilexiada" ao incluír no estudo de impacto ambiental do parque eólico O Cerqueiral senllas mencións a plans de conservación de especies que aínda non foran aprobados e expostos no Diario Oficial da Galiza (DOG).

Segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA), en vigor desde 2007, hai actualmente 201 especies de fauna e flora ameazadas na Galiza, 76 delas en perigo de extinción e as 125 restantes coa categoría de vulnerábeis. O decreto 88/2007, que regula este documento, estabelece que a inclusión dunha especie no catálogo "implicará" a elaboración dun plan de recuperación —no primeiro suposto— ou conservación —no segundo—.

Porén, até o día de hoxe só tres especies contan cun plan en vigor que permita aplicar as medidas de xestión e protección oportunas: o sapoconcho común, a píllara papuda e a escribente das canaveiras —alén do oso pardo, cuxo plan de recuperación foi aprobado con anterioridade ao citado decreto—.

"Para que aprobas unha norma no plano teórico se logo non pos en marcha as ferramentas precisas para desenvolvela?", cuestiona Fins Eirexas, secretario técnico da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), en conversa con Nós Diario. Neste senso, salienta que a Xunta licitou desde a aprobación do decreto asistencias técnicas e contratos de servizo para o estudo de 43 das 201 especies ameazadas, paso previo para artellar o consecuente plan de recuperación ou conservación, para o que se destinou neste tempo máis de medio millón de euros. "Ao non chegar a aprobarse, eses cartos públicos foron dilapidados", salienta.

Durante os doce anos de goberno de Alberto Núñez Feixoo, a Xunta licitou 16 deses 43 estudos. Os restantes leváronse a cabo entre 2007 e 2008 polo Executivo bipartito, mais a práctica totalidade non foron desenvoltos. "A Administración semella ter esquecido intencionadamente a aprobación destes plans para permitir que determinadas actuacións agresivas contra o territorio seguisen a inzar. Púxose en risco a conservación de ducias de especies para que collesen sitio parques eólicos, autovías, minas etc.", sostén o ambientalista.

Trato de favor a Greenalia

Eirexas lembra que o estudo de impacto ambiental do parque eólico O Cerqueiral —promovido por Greenalia en Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba— menciona o Plan integral de recuperación e conservación das especies vexetais en perigo de extinción da zona de Bergantiños, cuxa asistencia técnica licitou o bipartito mais que non chegou aprobarse e ser publicado no Diario Oficial da Galiza (DOG). Tamén fai senllas referencias ao Plan de recuperación da flor Centaurea ultreia e o Plan de conservación das aves tartaraña cincenta e gatafornela.

"Resulta que estes documentos, que a Xunta tiña na súa man desde hai anos, non só non cumpriron o seu fin de desenvolver as ferramentas para a conservación das especies afectadas, senón que acabaron en mans dunha empresa como Greenalia —da que é directiva a ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato— para facer máis atractivos os seus proxectos cunha información á que nin universidades nin ecoloxistas nin a sociedade civil temos acceso. Como é posíbel que unha sociedade privada si poida consultala? É, como pouco, un trato de favor", di.

"A Xunta desvertebra a protección ambiental do país"

Alén das especies ameazadas no país, Fins Eirexas pon o foco noutra "materia pendente" do Goberno de Núñez Feixoo, a ampliación da Rede Natura 2000: "É unha das máis cativas do Estado, e a proposta da Xunta, que está paralizada desde hai anos, só aumentaba de 12 a 14% do territorio. Non interesa ampliala porque non quere pór atrancos aos empresarios do sector eólico ou o mineiro", argumenta.

A este respecto, salienta a "estratexia de desvertebración da protección ambiental do país" que estaría a levar a cabo a Administración. "A falta de protección de espazos e especies en situación crítica pode supor graves afeccións", sentencia. É o caso da tartaraña cincenta, que segundo un estudo recente tería perdido máis da metade da súa poboación durante a última década.