Tania Sánchez, cooperativa Outonía: "Nutrímonos dos coñecementos que xa hai e fuximos da idea de que somos expertas"

As educadoras sociais, de esquerda a dereita, Paula Carrera, Araceli Macías e Tania Sánchez (Foto: Estela Baronne)
Tres mulleres asentadas nos territorios de alta montaña, como son o Macizo Central, Trevinca e O Courel, decidiron crear Outonía, unha cooperativa de educación social e sustentabilidade rural. Tania Sánchez, Araceli Macías e Paula Carrera cren na potencialidade da educación e na identidade destas zonas. Traballan eidos como a ética dos coidados, a participación e o desenvolvemento comunitario, a sustentabilidade ambiental ou a igualdade e as diversidades.

Como naceu a cooperativa?

Foi un proceso longo. As tres somos amigas, estudamos Educación Social e pensabamos que había que facer algo nas zonas onde vivimos, lugares con moito potencial e recursos. Fuxindo da idea idealizada do rural bucólico e ofrecer algo. De reunións informais e varios proxectos concordamos que a idea era defender o medio e a identidade moi rural, moi dispersa e que está desaparecendo.

En xullo do ano pasado comezamos as reunións cun asesor da Rede Eusumo. Xurdiron dúbidas que, sumadas á situación de pandemia e algún “drama” burocrático, fixo que saíra á luz agora.

Que ofrecen?

Tentamos sumar as forzas que dá ser unha cooperativa e valernos dese traballo para procurar dinamizar os tres territorios á vez, algo que é moi ambicioso, a través de proxectos máis ou menos independentes. Nós dedicámonos ao desenvolvemento e á dinamización comunitaria.

Ofrecer aquilo que a nós nos gustaría ver animando á participación e creando redes comunitarias e sinerxías. Ver o rural que queremos e construílo. Ao final, a idea que defendemos é que o rural é da xente que o habita e no que tes ese apego á terra e ao coidado do medio no que vives. Por este motivo nace tamén a idea de traballar a sustentabilidade. 

Ademais de servizos, que outras necesidades teñen esas zonas?

Notamos que hai unha falta de acceso aos mesmos dereitos de cultura ou de educación. Nas cidades están máis validados e teñen outro apoio, mais na aldea, co lema de "somos poucas e estamos dispersas", non se acaba de afondar. A nosa idea é tamén facer un proxecto educativo tendo en conta a comunidade que está detrás. Traballar con todos os axentes, do contrario carecería de sentido desenvolver calquera tipo de práctica nestas áreas. E máis se contamos que, nas zonas que traballamos, son de alta montaña, onde con tres puntos xeográficos diferentes, mais as características son case as mesmas.  

A receptividade foi boa?

Houbo moi boa acollida. Nós, ao cabo, somos veciñas. Non viñemos agora. É como un éxito para a veciñanza aínda que lles custa entender ao non estar ligado a un proxecto socioeconómico do agro, que aquí é o máis normal. Queren ver cara a onde camiñas. Para nós é todo un orgullo, son a memoria viva. Nutrímonos dos coñecementos que xa hai e fuximos da idea de que somos expertas e sabemos todo da área na que vivimos. Queremos aprender algo máis desa comunidade da que formamos parte. 

Buscan recuperar as relacións sociais?  

Unha das nosas liñas de traballo é a identidade e a recuperación tanto material como inmaterial. Dentro dela referímonos a recuperar as redes entre a veciñanza, traballar na maneira de entender o territorio e estar máis en sintonía co medio que habitamos. Non cinguirnos ao utilitarismo de saber que somos ecodependentes. 

Confían no apartado económico da súa cooperativa?  

Somos conscientes de que queremos unha alternativa económica, vivir no rural e da educación social. De primeiras soa moi ambicioso. Tomámolo con filosofía. Aprendes a decrecer mais non nos nosos dereitos. Ben sabemos o que necesitamos e primamos a vida e os procesos que teñen lugar dentro dela. Sabemos que no noso caso somos novas e non temos cargas familiares. Unha familia que quixera vir sería diferente. Ogallá que estes proxectos chamen outras experiencias.