Suspenso da UE á Xunta en servizos públicos e imparcialidade

Ensino e saúde son dous dos campos valorados por este estudo europeo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Suspenso da Administración galega en calidade de servizos, en imparcialidade e en corrupción. Tres campos nos que a Xunta da Galiza obtén resultados por debaixo da media da Unión Europea (UE) cando en 2009 a valoración superaba a media. Son algúns dos resultados que deita o Índice Europeo de Calidade do Goberno, que recompila as opinións de máis de 129.000 enquisados nun total de 208 rexións que fan parte dos 27 Estados da Unión Europea.

O European Quality of Government Index (EQI) —Índice Europeo de Calidade do Goberno— é un completo e prestixioso estudo que se elabora cada catro anos desde 2009 co apoio da Comisión Europea por persoal investigador da Universidade de Gotemburgo (Suecia). 

O último informe EQI, publicado en 2022, aséntase, como os tres anteriores, sobre a percepción que a cidadanía ten dos seus respectivos Gobernos, mais tamén das súas Administracións territoriais. Son 129.000 persoas enquisadas en 208 rexións, entre elas a Galiza, para testar a súa opinión e percepción sobre a gobernanza no seu territorio.

 No caso da Galiza, o Goberno galego non sae ben parado, pois nos tres ámbitos de análise -calidade dos servizos, imparcialidade e corrupción- obtén uns valores peores que os da media da UE e máis baixos que a gran maioría das comunidades do Estado español e de rexións de Portugal. Así, a media de todas as rexións europeas está representada polo índice cero (0). A partir de aí, os valores positivos ou negativos reflicten unha calidade de Goberno superior ou inferior a esa media. A Xunta obtén neste estudo un índice de -0,3, así pois, por baixo da mencionada media europea.

Á cola do Estado

Dos 17 territorios do Estado español, a Galiza fica no posto décimo cuarto en calidade de Goberno, moi por detrás daquelas comunidades que, como Euskadi, A Rioxa e Nafarroa, reciben a mellor puntuación en gobernanza: +0,9, +0,8 e +0,7 respectivamente. Tamén o norte de Portugal obtén mellor cualificación, cunha nota que abala entre cero e 0,3; a mesma que a zona centro do país ao sur do Miño.

A Administración galega suspende, ademais, nas tres áreas de análise. En calidade dos servizos obtén -0,09, por baixo dese cero de media europea. Neste apartado, a cidadanía expresa a súa percepción sobre cuestións como a saúde ou o ensino.

Imparcialidade e corrupción

En imparcialidade obtén valores máis negativos que a media europea: -0,35 fronte a cero. E o mesmo acontece no que respecta á corrupción, onde as persoas enquisadas na Galiza para este estudo dan á Administración galega un -0,4. Só cinco comunidades presentan aquí peores rexistros.

No primeiro Índice Europeo de Calidade do Goberno, o do exercicio de 2009, a Galiza presentaba uns valores máis positivos que a media europea. Daquela, ante ese cero de media entre todas as rexións da UE, a Administración galega obtiña entre 0 e +0,4. Desde entón, último ano do Goberno galego de coalición entre o PSdeG e o BNG, até agora, após case 14 anos de Executivos do PP, a poboación galega semella ter unha visión máis negativa da súa propia Administración.

Amplo estudo

O Índice Europeo de Calidade de 2022 é a maior enquisa xamais realizada para medir a percepción da calidade das Administracións públicas, con máis de 200 territorios analizados. As rexións con mellor valoración pertencen a Dinamarca, Holanda e Suecia.

Potencialidades e fraquezas da Galiza para a cohesión coa UE

O oitavo Informe sobre a cohesión económica, social e territorial europea, de 2022, ofrece un resumo do estado e a evolución do desenvolvemento nas rexións da UE, así como dos retos aos que se enfrontan. Neste documento da Comisión Europea indícase que a Galiza é un dos territorios que máis medrou da UE nas dúas primeiras décadas do século XXI, con 1,6% anual. Analízanse diversos aspectos que se consideran de capital importancia para avanzar na cohesión nas vindeiras tres décadas, como o I+D+i.

A este respecto, a fenda rexional en materia de innovación aumentou na UE debido á falta de investimento en I+D e ás deficiencias nos ecosistemas de innovación das rexións menos desenvolvidas. 15 Estados superan o 100% do marcador de innovación rexional mentres que o español se sitúa en 95%, e a Galiza con 5 puntos menos que o Estado e 10 menos que a media da UE, en 90%.

O último Índice de innovación rexional da UE, de 2021, xa advertía que nesa materia a Galiza situábase por detrás do Norte de Portugal e por baixo da media da UE. Neste índice, o país situábase en desenvolvemento no posto 156 dun total de 240 territorios. O estudo, ao igual que o informe sobre a cohesión, apuntaba que o gasto en I+D tanto no sector público como no privado era un dos lastres máis destacados para o desenvolvemento.