Suso Bermello: "Se a Xunta non pon fin aos concertos dos colexios que segregan recorreremos á Xustiza"

Suso Bermello, reelixido secretario nacional da CIG-Ensino (Foto: Arxina).
Suso Bermello (A Coruña, 1965) acaba de ser reelixido secretario nacional da CIG-Ensino no VIII Congreso do sindicato. Bermello renova a canda a resto da executiva o seu compromiso coa defensa dun modelo educativo en chave nacional garante do idioma, a inclusión real do alumando e a equidade social.

Vén de estrear un novo mandato como secretario nacional da CIG-Ensino. Cales son as prioridades que figuran na súa axenda?

Un congreso como o que vimos de realizar é sempre un tempo de reflexión necesaria. Así, de portas para dentro, temos que ter en contar que por moi maioritarios que sexamos cada día é un día novo. E hai que empezar de cero.

Temos un corpo docente que está nun proceso de muda xeracional enorme. Chegamos adaptados á realidade, cunha executiva renovada en dous terzos nos dous últimos mandatos. Adaptados na media de idade e tamén no reparto de xénero, aínda que debemos seguir dando pasos para que esa maioría de mulleres no cadro sindical supoña unha maioría de mulleres responsábeis.

Fala dunha mudanza importante do profesorado na Galiza. Que retos achega?

A remuda do corpo docente supón cambios enormes. Os claustros están formados por moita xente nova, e nos próximos 10 anos vai trocar outra cuarta parte do profesorado, a maiores. En 15 anos veremos como máis de 50% do persoal docente é novo e iso significa que por moito que a CIG-Ensino sexa o sindicato maioritario, o que se fixo no pasado non vai valer para o día despois. Temos que achegar novas referencias sindicais a toda esa xente que se incorpora e a moita que non sabe sequera que é un sindicato

Iso implica un traballo específico de concienciación a pé de aula, que é algo que xa nos diferenza. Polo tanto, temos que prepararnos para esa muda xeracional que vai supor, tamén, unha muda dos cadros sindicais.

Estes retos internos teñen a súa réplica no ámbito do ensino nun contexto económico e social marcado pola pandemia.

A crise social é enorme e vai ir a máis. Estamos na porta de saída dunha crise sanitaria que se traduce en perda de postos de traballo. Nos orzamentos do ano que vén hai 868 docentes menos a respecto deste curso, cunha cifra total inferior á que encontrou Núñez Feixoo cando gañou as eleccións no ano 2009. Iso marca un perfil ideolóxico e unha clara intencionalidade: a deterioración da educación e dos servizos públicos.

Ademais, estamos nun sector no que as condicións de traballo de quen ten un emprego fixo difiren moito das do persoal interino. Galiza ten un índice de interinidade pequeno e asumíbel, pero asociado a unha precariedade que temos que atender.

Desde o punto de vista da aprendizaxe, a pandemia deixou algunha experiencia positiva?

Quen traballou nas aulas o curso pasado recoñece que foi moi duro. O único reconfortante foron os desdobramentos en secundaria e as ratios máis baixas. Iso permitiu pór de manifesto que o reforzo educativo está na prevención, que pasa por diminuír o número de estudantes por aula. Mais iso implica un esforzo orzamentario moi importante que Feixoo non está disposto a facer.

A aprobación da Lomloe aporta un cambio de perspectiva?

A Lomloe recupera a perspectiva pedagóxica das competencias educativas fronte a unha imaxe máis neoliberal dos estándares de aprendizaxe. Dalgunha maneira busca reverter unha estandarización da educación que considera os docentes parte dunha engrenaxe onde a súa capacidade para incidir e decidir é nula. Neste sentido céntrase máis na avaliación continua, en aprender a aprender no canto de memorizar e recolle algunhas partes declarativas moi positivas como potenciar a educación no mundo rural ou favorecer a atención á diversidade. Non podes estar máis que de acordo. O problema é que non ten soporte económico nin hai un pacto para o cumprimento das competencias.

A parte máis negativa é o que non se atreveron a facer: sacar a relixión das aulas e acabar coa blindaxe da concertada, tamén para os centros que segregan por xénero. Nós temos clarísimo que se o Goberno da Xunta non executa o fin dos concertos dos cinco colexios que segregan alumnado na Galiza -no curso 22/23- recorreremos xudicialmente e iremos até as últimas consecuencias.

O inicio de curso deixou constancia dunha atención á diversidade deficiente, segundo a experiencia das familias. Como garantir unha educación inclusiva?

O normal é a integración do alumnado no ensino ordinario e o excepcional son os centros especiais e tamén as aulas específicas. Toda orientación educativa debe ir dirixida a que sexan residuais, pero iso implica dotar os centros de moito máis profesorado de pedagoxía terapéutica, de audición e linguaxe, orientador mais de persoal non docente, como pode ser o coidador. Ou se asume que atender a diversidade é custoso e exixe un esforzo económico grande ou se non, todo o discurso inclusivo é escaparate.

As escolas, axentes galeguizadores

O debate sobre a conveniencia dos exames finais no ensino secundario leva á CIG-Ensino a defender a necesidade dunha avaliación continua do alumnado e o acompañamento educativo daqueles estudantes que amosen carencias en determinadas materias. "Hai que vencer o alto índice de repetición do alumnado, de 30% no Estado español". Pero  tamén exixe profesorado a maiores do cadro ordinario, engade Suso Bermello. 

Sobre o conflito lingüístico, "que existe e que o PP nega, estámolo perdendo". A deriva desde o ano 2009 é continuada, advirte o secretario nacional da CIG-Ensino, "e o PP mantén a súa política lingüística". A escola non é a causante de todos os problemas, di, pero xoga un papel fundamental. "Podería ser un axente galeguizador enorme, pero non o é. Ao contrario". Por iso urxe un cambio de rumbo que implique concienciación e traballo de formación co profesorado.