O Supremo desestima o recurso presentado polo avogado de Fernández de Sousa, que entrou en prisión en abril

O antigo presidente do grupo Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, durante o xuízo que decorreu en 2019 na Audiencia Nacional. (Foto: Pool)
Manuel Fernández de Sousa-Faro foi condenado a seis anos de prisión por un delito continuado de falsidade nas contas anuais da compañía e por un delito tamén continuado de falsidade de información económica e financeira.

A Sala do Penal do Tribunal Supremo desestimou o incidente de nulidade presentado pola defensa do ex presidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa-Faro, que entrou en prisión o pasado mes de abril tras ser condenado a seis anos de cárcere por un delito continuado de falsidade nas contas anuais da compañía e por un delito tamén continuado de falsidade de información económica e financeira.

Precisamente este último delito era o motivo polo que os seus avogados presentaron o incidente de nulidade. Na resolución da Audiencia Nacional foi condenado por un delito simple de falsidade de información económica.

Con todo, o Supremo á hora de ditar a sentenza tras o recurso, cando lle rebaixou a pena, considerouno como continuado, "cousa que non podía facer porque para a Audiencia era simple e ninguén recorrera para que fose continuado", indicou o avogado de Fernández de Sousa.

Por iso, pediuse ao Supremo que aclarase a sentenza no apartado deste delito, para que volvese ser simple, o cal suporía unha rebaixa maior da pena. Pero o alto tribunal rexeitouno. Despois, solicitouse un incidente de nulidade da sentenza, que agora foi denegado.

"Cría e sigo crendo que foi un descoido e por iso pedín a rectificación", reivindicou o avogado, que engadiu que este auto xa non se pode recorrer.

Con todo, do mesmo modo que xa fixera na anterior ocasión, o Supremo defendeu no seu auto que si se tratou dun delito continuado, polo que denegou o incidente.

Condena

Manuel Fernández de Sousa-Faro foi condenado a seis anos de prisión por un delito continuado de falsidade nas contas anuais da compañía e por un delito tamén continuado de falsidade de información económica e financeira.

Inicialmente, a Audiencia Nacional condenárao a oito anos de cárcere. Con todo, o Supremo rebaixou a súa pena en dous anos ao absolvelo dos delitos de estafa, falsidade documental e aplicar unha atenuante por dilacións indebidas, confirmando o resto da condena por manipular as contas para captar investidores.

Os feitos

A sentenza da Audiencia Nacional relataba prácticas irregulares levadas a cabo pola antiga cúpula de Pescanova, en cuxa fronte se atopaba o empresario coa colaboración dos responsábeis dos departamentos máis relevantes.

A sentenza indicaba que por mor da crise financeira que estalou en 2008, o presidente da firma galega, co obxecto de poder seguir gozando do financiamento bancario da que dependía Pescanova polo esforzo investidor exercido nos anos anteriores, planeou, xunto cun grupo de persoas da súa confianza, seguir obtendo financiamento a través dunha serie de mecanismos ou prácticas irregulares.

Unha vez conseguida, apuntaba, levaron a cabo outra serie de manipulacións nas contas anuais ou outros documentos oficiais que reflectían a situación financeira da empresa "para conseguir uns resultados positivos que non se correspondían coa situación real e, que, tras ser oficialmente publicados, permitían captar novos investidores e desprazar ao financiamento bancario e as súas excesivas comisións".