O Supremo resolverá o 4 de outubro sobre o recurso contra a anulación da prórroga de Ence en Pontevedra

A factoría de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Así o anunciou Ence nunha comunicación á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) realizada esta terza feira.

O Tribunal Supremo decidirá o 4 de outubro sobre o primeiro recurso de casación contra as sentenzas da Audiencia Nacional que declararon a nulidade da prórroga por 60 anos da concesión da fábrica de Ence en Pontevedra.

Así o anunciou Ence nunha comunicación á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) realizada esta terza feira.

En xullo de 2021, a Sala do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional estimou os recursos que Greenpeace e o Concello de Pontevedra presentaron contra a decisión do Goberno español de Mariano Raxoi, que estaba nese momento en funcións, de ampliar a prórroga.

O 23 de febreiro e o 23 de marzo de 2022, o Tribunal Supremo admitiu a trámite senllos recursos de casación presentados por Ence e outras entidades en contra das sentenzas da Audiencia Nacional.

Terceiro recurso

O 30 de marzo, o Tribunal Supremo decidiu suspender a decisión sobre a admisión do terceiro recurso de casación interposto por Ence contra a sentenza xudicial até ditar sentenza nos dous primeiros recursos.

Así, o pasado 12 de xullo o Supremo notificou ás partes que a data prevista para a votación e fallo sobre o primeiro recurso será o 4 de outubro deste ano. Prevese que a sentenza se faga pública durante o último trimestre do exercicio.

Nas sentenzas, a Audiencia Nacional consideraba que a resolución da dirección xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, por delegación ministerial, non xustificaba, como exixe a Lei de Costas, que a fábrica pasteira, pola súa natureza, non poida ter outra localización.