Xustiza

O Supremo ratifica que Monbús e Alsa repartiron o mercado de modo ilegal ante a inacción da Xunta

A empresa Monbus controla 80% das concesións de transporte. (Foto: Monbus)

Segundo a sentencia do TS, á que tivo acceso Nós Diario, non hai motivo para corrixir a decisión do TSXG de ordenar a “incoación dun procedemento sancionador" contra as empresas Monbús e Alsa e contra a Xunta da Galiza.

O Tribunal Supremo (TS) non admitiu a trámite os recursos de Monbús, Alsa e a Xunta da Galiza que estes presentaron contra a resolución de Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que os acusaba de “repartir o mercado” e “renovar liñas de de transporte de viaxeiros por estrada ilegalmente".

Segundo a sentencia do TS, á que tivo acceso Nós Diario, non hai motivo para corrixir a decisión do TSXG de ordenar a “incoación dun procedemento sancionador" contra as empresas.

O pasado mes de setembro, informaba este xornal, varios responsábeis da Consellaría de Educación vinculados á adxudicación de diversos lotes de transporte escolar á empresa Monbus tiveron que prestar declaración nos xulgados de Santiago de Compostela por este tema.

Foron o subdirector xeral de Coordinación Económica e Contratación da Secretaría Xeral Técnica, o interventor delegado da Consellaría, a asesora xurídica da Área de Educación da Consellaría e a xefa da Sección de Coordinación Administrativa da Secretaría Xeral Técnica. Todos eles se negaron a contestar as preguntas da acusación e limitáronse a responder ás formuladas polos seus avogados, segundo fontes coñecedoras do procedemento.

A liña argumental esgrimida por estes cargos, segundo estas fontes, incidiu en que non tiñan constancia de que Monbus estaba a ser beneficiaria de máis lotes dos fixados como máximo no prego de condicións.

Outras polémicas

As polémicas coa empresa Monbús veñen de lonxe. A inicios de setembro o BNG, a través do seu deputado Paulo Ríos, denunciou no Parlamento da Galiza que "A conivencia entre PP e o grupo empresarial Monbus xa traspasa as nosas fronteiras e constatamos como este mesmo verán foron paralizadas varias licitacións no servizo de transporte escolar da Generalitat Valenciana, adxudicadas a Monbus, onde se pretende dar o servizo de transporte escolar incluíndo neste servizo até 54 vehículos que xa operan en lotes actualmente activos en Galiza".

O parlamentario nacionalista explicou que este servizo leva anos dando síntomas de mal funcionamento e empeorando a calidade da prestación a usuarios e usuarias ao que sumou as “precarias” condicións laborais dos traballadores e traballadoras e o “paulatino esmorecemento” das  pequenas e medianas empresas do transporte de viaxeiros.