A lei do 'só si é si' require "unha interpretación axeitada"

Mobilización feminista en Compostela o 8 de marzo deste ano. (Foto: Arxina)
As rebaixas de condenas no marco da lei do "só si é si" a agresores sexuais condenados volve traer a primeira plana a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual —que é como se chama a lei do "só si é si"—, aprobada a finais de agosto e en vigor desde setembro. As xuristas consultadas chaman a "non culpabilizar" a nova norma e apuntan a que a mesma é un avance e precisa dunha interpretación "axeitada".

Varios tribunais na Galiza, Madrid e Barcelona rebaixaron no marco da lei coñecida como do "só si é si" as penas a persoas condenadas por agresión sexual; o que axiña xerou unha poeira mediática, política e tamén xurídica ao redor da nova norma, que entrou en vigor o pasado mes de setembro.

A equiparación de abusos e agresións sexuais na nova lei tamén comportou a rebaixa das penas mínimas e máximas de prisión aos condenados. Cando se cambia unha lei, os condenados por un delito poden pedir a revisión da sentenza, porque se o cambio se fai a favor seu, pódenselle aplicar as melloras retroactivamente, como unha rebaixa da pena.

Paz Filgueira, maxistrada, considera "complicado" facer unha valoración de como está a resultar a nova lei tendo en conta que leva en vigor apenas dous meses. "A modificación de certos tipos penais pode levar en certos casos a que se dean rebaixas de penas", sinala a Nós Diario, "como con moitas outras leis". Porén, apunta a xuíza, "considero que a anterior lei era máis prexudicial neste sentido [para as vítimas] e non vin tanta polémica".

O avogado Xoán Antón Pérez Lema tamén pon en valor a nova lei, se ben considera que houbo "falta de colaboración" entre os ministerios implicados e que tamén se careceu "dun asesoramento xurídico" á altura. "Protexe moi ben as persoas con vulnerabilidade: menores de 16 anos, persoas con discapacidade, con dependencia...". Mais, indica en conversa con este diario, ao suprimir a figura de abuso sexual para estabelecer todo dentro da agresión sexual "houbo un novo abano de penas" e a mínima de agresión sexual "que antes era seis anos agora son catro anos". 

O papel dos intérpretes

Filgueira e Pérez Lema fan fincapé no papel dos intérpretes da lei, de xuíces a fiscais. "Para min, ás veces, a lei ten un exceso de amplitude que deixa moita marxe ao intérprete", afirma a maxistrada. "E, por desgraza, a interpretación que se fai non é coa perspectiva axeitada a unha realidade na que 95% das vítimas son mulleres, que é a perspectiva de xénero".

Neste punto, Pérez Lema apela á "concienciación" e "formación" daquelas persoas que van impartir xustiza. "Cando se aplica unha lei", prosegue, "esta aplicación debe de ser adecuada á situación".

Paz Filgueira incide en que a nova lei "pon o eixo central no consentimento", que é a figura que se estabelece internacionalmente no Convenio de Istambul sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres. Lembra, ademais, que a norma naceu a raíz de que "as mulleres saímos á rúa" para demandar mudanzas na lexislación existente.

Mais a noticia das rebaixas de condenas ao abeiro desta nova norma levaron a parte do PSOE do Goberno a apuntar xa a unha posíbel "revisión" da mesma.