O Tribunal Supremo admite a trámite o recurso granadino contra a adxudicación da Aesia á Coruña

Futura sede da Aesia na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)
'Xuntos por Granada' e outras institucións como o propio concello desta cidade afirman que a resolución do concurso foi "arbitraria", ao entender que a candidatura da Coruña "non ofrecía nin o mellor proxecto nin a mellor puntuación posíbel" e que a súa era a máis adecuada.

O Tribunal Supremo vén de admitir a trámite o recurso presentado pola asociación 'Sociedade Civil de Granada Xuntos por Granada' contra o acordo do Consello de Ministros do pasado 5 de decembro polo que se determinou que A Coruña será a sede física da futura Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia), e reclamou ao Executivo español que remita o expediente administrativo correspondente a este asunto.

Nunha dilixencia de ordenación datada desta pasada cuarta feira, á que tivo acceso Europa Press, a Sala Terceira do Contencioso-Administrativo do alto tribunal ordena que se tramite o citado recurso e, en consecuencia, que se requira ao Ministerio da Presidencia que remita no prazo "improrrogábel" de 20 días, o expediente administrativo.

Xunto a iso, acórdase a formación dunha peza separada de medidas cautelares, logo de que a asociación granadina solicitase a suspensión provisional da designación da Coruña como sede da axencia até que se resolva este procedemento, segundo consta na citada resolución, contra a que cabe interpor recurso de reposición perante a letrada da Administración de Xustiza no prazo de cinco días.

No seu recurso, o colectivo reclama que se declare a invalidez e consecuente anulación da adxudicación da sede da Aesia por entender que A Coruña "non ofrecía nin o mellor proxecto nin a mellor puntuación posíbel a obter polos concursantes", a teor dos criterios estabelecidos polo real decreto que regulaba o procedemento.

De entre as 16 cidades que presentaron candidatura para albergar esta sede, o Consello de Ministros escolleu A Coruña, unha decisión que tamén vai recorrer o Concello de Granada, que traballa cos seus servizos xurídicos, en coordinación cos doutras institucións como a Xunta de Andalucía, no anuncio do recurso perante o Supremo.

A xuízo de Xuntos por Granada, A Coruña foi seleccionada "por considerarse, só pola opinión da ministra do ramo, que era a que mellor se adecuaba aos requisitos estabelecidos polo decreto", a pesar de que polos motivos expostos no ditame da comisión consultiva débese concluír, segundo sosteñen, que a candidatura granadina era "a de maior nivel en todos os conceptos".

Este colectivo expón así que a decisión do Goberno, que ao seu xuízo veu "inducida" pola ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, de orixe coruñesa, presuntamente vulnerou as normas que regulaban o procedemento e determinou a "resolución arbitraria do concurso", motivo polo que cren que este acto "está viciado de graves irregularidades invalidantes".

No recurso recálcase que "de modo ineludíbel" o real decreto do 22 de marzo polo que se estabelece o procedemento para a determinación das sedes físicas das entidades pertencentes ao sector público institucional estatal e que tamén crea a comisión consultiva para a determinación das sedes, estabeleceu o procedemento que resulta de aplicación neste caso a fin de iniciar un procedemento que facilitase que a elección "se guiase pola transparencia, a obxectividade e a adaptación ás necesidades da institución". E defenden que a cidade de Granada debe resultar pola súa "maior excelencia" a adxudicataria da sede física da nova Aesia en virtude do disposto no citado decreto.

Pola súa parte, a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, eludiu esta pasada terza feira valorar —a preguntas dos medios— a presentación do devandito recurso, ao tempo que avanzou que a cidade xa estaba a traballar na redacción do convenio para formalizar a cesión do edificio que albergaría a sede da Aesia. E esta quinta feira optou tamén por dar a calada por resposta: "Non comento procedementos xudiciais en marcha e moito menos os relativos a outras administracións", dixo.