Accidente do Alvia

O Supremo admite un recurso da plataforma de vítimas do Alvia para que haxa unha investigación independente

Manifestación das vítimas do Alvia, o pasado 24 de xullo en Santiago de Compostela (Foto: César Arxina / Europa Press)
"Parécenos lamentábel e di moi pouco das nosas institucións que, case nove anos despois do accidente máis grave da democracia, as vítimas e familiares teñamos que seguir recurso a recurso, tribunal tras tribunal", critica o portavoz da plataforma, Jesús Domínguez.

O Tribunal Supremo acordou admitir o recurso de casación da plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia, ocorrido en Angrois (Santiago de Compostela) o 24 de xullo de 2013, co que colectivo busca que se realice unha investigación independente sobre o sinistro. O auto, con data do 3 de novembro e ao que tivo acceso Europa Press, admite a trámite o recurso interposto o pasado mes de xuño contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM).

O fallo do Supremo recolle que "a cuestión exposta no recurso consiste en determinar", en primeiro lugar, "se a regulación da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) estabelecida (...) cumpre, en canto á súa creación, composición, designación dos seus membros, organización e competencia técnica, as exixencias de independencia, imparcialidade e obxectividade".

En segundo termo, indica que buscará determinar "a posición xurídica dos afectados en accidentes ferroviarios e das asociacións ou plataformas implicadas no que compete á intervención no procedemento de investigación de accidentes ferroviarios".

O obxectivo é "protexer os intereses e as necesidades razoábeis das vítimas e os seus parentes na investigación (...) en referencia a se inclúe o dereito subxectivo á información sobre a tramitación do procedemento e o dereito para esixir unha información obxectiva, transparente e imparcial". Así mesmo, o auto sinala as normas que serán obxecto de interpretación e puntualiza que isto será "sen prexuízo de que a sentenza teña que estenderse a outras cuestións se así o exixe o debate finalmente trabado no recurso".

"Recurso a recurso"

A plataforma de vítimas presentou en xuño o recurso coa intención de que se ordene unha nova investigación "independente" do accidente, que deixou 80 persoas falecidas e 145 feridas. "O que queremos é que se faga unha investigación independente, tal e como vén esixindo Europa", destacou entón o presidente da asociación, Jesús Domínguez, en declaracións á prensa.

"Parécenos lamentábel e di moi pouco das nosas institucións que, case nove anos despois do accidente máis grave da democracia, as vítimas e familiares teñamos que seguir recurso a recurso, tribunal tras tribunal", engadiu.

As vítimas consideran que o TSXM debeu ordenar a renovación dos membros da comisión e debeu resolver se o silencio administrativo da CIAF á súa petición dunha nova investigación se axustaba ou non a dereito. Nun escrito de 16 folios, recollido por Europa Press, a asociación defende que existe un "claro interese casacional obxectivo" porque non consta xurisprudencia do Supremo que poida lanzar luz a un caso como este.

A plataforma incide en que o caso goza de interese casacional polo "gran número de situacións derivadas da investigación de accidentes ferroviarios graves desenvolta polo Estado español". Así, lembra que nos últimos 30 anos producíronse polo menos outros catro accidentes como o do Alvia na curva da Grandeira (Angrois)