A subcomisión de Sanidade continúa a denegar tratamentos a doentes de hepatite C

Plataforma de afectados pola Hepatite C

Este órgao, que xa foi disolto noutros territorios mais que a Xunta mantén, afirma que co novo protocolo poderán acceder ao tratamento. Mais polo de agora, denégao. 

 

A Plataforma de doentes de Hepatite C denuncia a "maré de denegacións" dos tratamentos conta o VHC que está a enviar a Subcomisión encargada de tramitar as solicitudes. Nun comunicado de imprensa o colectivo asegura que este órgao, creado por mandato da Consellaría de Sanidade, "decide morrer matando" á espera de que sexa aprobado o Plan nacional para a abordaxe da Hepatite C. Un programa de actuación deseñado desde Madrid. 

No documento recibido por, cando menos 5 integrantes da plataforma, o director xeral de asistencia sanitaria, Félix Rubial, alega que as persoas solicitantes "non cumpren os criterios para iniciar esta terapia, conforme ao vixente documento de estratexia terapéutica de priorización", un feito que enmarca na actualización do protocolo asinada o 19 de decembro de 2014. 

Desde a plataforma afirman que "o número total de denegacións pode ser considerabelmente máis elevado". Aliás, lembran que na xuntanza desenvolvida coa Consellaría de Sanidade o 13 de marzo o propio Rubial se comprometera a "desbloquear" as solicitudes que aínda non foran tramitadas. Cumpre lembrar que os tratamentos son solicitados pol@s profesionais sanitari@s que realizan o seguimento d@s doentes e que demandan o acceso destes aos medicamentos de nova xeración --principalmente sofosvuril. 

A Subcomisión desaparecerá cando entre en vigor o plan estatal contra o VHC. "Deciden morrer matando", denuncian @s doentes

No documento remitido pola Subcomisión asegúraselles ás e aos doentes que, após a entrada en vigor do Plan nacional para a abordaxe da Hepatite C, poderán "iniciar tratamento cunha terapia libre de interferón sen ser necesario unha nova solicitude de avaliación, a criterio médico e valorando as novas alternativas terapéuticas que estarán previsibelmente disponíbeis o próximo mes de abril". 

O portavoz da plataforma, Quique Costas asegura que "unha vez máis recorreron á súa habitual estratexia de lanzar mensaxes equívocas, de parecer que din unha cousa cando, na realidade están pechando a posibilidade de que signifiquen xusto a contraria". 

E é que noutras comunidades, mesmo gobernadas polo Partido Popular, órgaos como a Subcomisión para o tratamento da Hepatite C foron disoltos. Porén, a Xunta de Galiza non só o mantén senón que continúa denegando solicitudes. Ora ben, a aprobación e entrada en vigor do Plan estatal contra esta doenza prevé a súa desaparición. "A Subcomisión decide morrer matando", afirman desde a plataforma. 

"Non parece que teña moito sentido", sinalan @s doentes "que manteña a súa función de servir de escudo" a "poucos días de que esta subcomisión desapareza".