FABRICAR UNHA DOSE CUSTA 10 DóLARES, O CUSTO DO TRATAMENTO ROLDA OS 10 MIL

A industria farmacéutica, detrás do tratamento contra a Hepatite C

[Imaxe Gilead]

O goberno español nomea un asesor de Farmaindustria á fronte do plan estratéxico da enfermidade mentres o Congreso dos EUA investiga o laboratorio do Sovaldi (Gilead) por especular co prezo do tratamento. 

 

A fabricación do tratamento que precisan 180 millóns de persoas atinxidas no mundo polo virus do VHC custa menos de 10 dólares por dose. Porén, o prezo que este alcanza no mercado rolda os mil dólares. O seu nome comercial é Sovaldi, principio activo do sofosbuvir cuxa patente pertence aos laboratorios Gilead. Unha compañía pertencente a diversos fondos de investimento e de pensións encabezados Capital Research Global Investors, o maior accionista de Gilead. 

Polo seu Consello de Administración tamén pasaron importantes persoas da política estadounidense como George P. Shultz, ex-secretario de Estado con Ronald Reagan ou Donald Rumsfeld, ex-secretario de Estado con George W. Bush. 

Desde a Plataforma de afectad@s pola Hepatite C en Córdoba veñen de facer público un documento intitulado 'Gilead: a bolsa ou a vida' no que se debruzan sobre os intereses económicos do laboratorio en relación co tratamento dunha enfermidade que, até o momento, era incurábel. 

Segundo recolle a Cadena Ser o voceiro da plataforma, Pablo Martínez, asegura que "detrás" do Sovaldi hai "unha nova burbulla especulativa". "Son abutres, o seu interese na saúde pública é nulo. Só lles preocupa o investimento". 

Espular co prezo

No informe elaborado polo colectivo de persoas afectadas apuntan a un acordo entre o Ministerio de Sanidade e o laboratorio Gilead para reducir o custe do tratamento --60.000 euros inicialmente por doente-- a 25 mil euros. Así as cousas, sinalan no documento, "o prezo continúa a ser abusivo e desproporcionado se temos en conta que o tratamento ten un prezo que é 1100% máis alto que o medicamento máis caro da mesma empresa contra o VIH, Stribild". Aliás, continúan, "os cálculos de custe real de produción do medicamento varían entre os 50 e os 100 euros por doente segundo os estudos publicados".

Asemade, acrecentan, o prezo muda dependendo do país que se tratar. Así, nos EUA alcanza un custe de 69 mil euros / persoa, mentres na India ou Exipto custa 750 euros. 

Neste senso, Gilead está a ser investigado polo Congreso estadounidense quen demandou ao laboratorio explicar as razóns que xustificarían ese sobre-custe no mercado. Mesmo o Estado de Philadelphia se querelou contra Gilead perante o que, coidan, supón unha "manipulación" e "violación" das leis anti-monopolio. E é que esta transnacional é a única en producir o Sovaldi cuxa patente mercou en 2012 através da absorción de Pharmasset por 11.200 millóns de dólares. 

As análises bursátiles, sinala o informe, prevén un incremento do 457% dos beneficios de Gilead para os vindeiros anos froito dunhas vendas valoradas en 21-23 millóns de dólares

Grazas a esta especulación co único tratamento que cura a Hepatite C os beneficios de Gilead previsibelmente aumentarán. Así, as análises bursátiles, sinala o informe, prevén un incremento do 457% dos beneficios para os vindeiros anos froito dunhas vendas valoradas en 21-23 millóns de dólares. 

E é que cos millóns de persoas atinxidas polo virus VHC --180 milóns segundo a OMS-- serían precisos 9 billóns de dólares para tratar o conxunto da poboación doente. Ou o que é o mesmo, explican desde a Plataforma de persoas afectadas de Córdoba, "o PIB conxunto de Alemaña, Francia, España, Reino Unido e Italia". 

A patronal farmacéutica española 

Mais os intereses das farmacéuticas arredor do tratamento da Hepatite C non fican aí. No Estado español o goberno de Mariano Rajoy vén de nomear á fronte do Plan estratéxico da enfermidade a Joan Rodés, ex-xerente do Hospital Clinic de Barcelona e integrante do Consello social de Farmaindustria, a Asociación empresarial de industrias farmacéuticas. 

Esta organización abrangue os laboratorios que operan no Estado español e, para o colectivo de persoas afectadas, o nomeamento de Rodés, vén a pór á fronte do plan gobernamental "os intereses de Gilead. É como pór a raposa a coidar do galiñeiro", sentenciaron. 

Pola contra o ececutivo español preséntao como "unha das principais autoridades da Hepatoloxía en España".