A suba de maternidade debe afectar as pensións de homes

Numerosos pensionistas galegos solicitan suba por maternidade (Foto: Europa Pres).
O TSXG ditou o dereito dos homes a desfrutar do complemento de maternidade nas pensións en 941 sentenzas en xullo.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ditou en xullo 941 sentenzas sobre o dereito de homes xubilados a cobrar o complemento de maternidade, unha "avalancha" de resolucións que supoñen o dobre do habitual. 

O Tribunal Supremo determinou que o complemento por maternidade a cobrar polos homes que cumpran os requisitos estabelecidos legalmente producirá efectos desde que se lles recoñeza a pensión de xubilación.

En todas as resolucións, o TSXG estimou que os recorrentes teñen dereito a percibir o plus de maternidade desde que se lles recoñeceu a prestación de xubilación ou de incapacidade, sempre que sexa posterior ao 1 de xaneiro de 2016, tal e como estabeleceu o Tribunal Supremo.

Entre xaneiro e xullo do que vai de 2022, o TSXG recibiu 2.368 recursos sobre o complemento de maternidade. Cada un dos 16 membros que a compoñen finalizou 56 procedementos deste tipo, mentres que cada un dos tres maxistrados que está en comisión de servizo concluíu 15.

Na Sala do Social iniciáronse o ano pasado un total de 6.758 procedementos, o que supuxo un incremento interanual de 40%, o cal foi debido, principalmente, aos recursos interpostos polo complemento de maternidade.

Cuestión prexudicial

A finais de xullo a Sala do Social do TSXG resolveu "a maioría" dos casos sobre complemento de maternidade, excepto aqueles sobre os que emitiu autos de suspensión á espera de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) se pronuncie sobre a cuestión prexudicial que lle expuxo en febreiro. 

Os maxistrados do TSXG solicitáronlle que indique se o criterio do Instituto Estatal da Seguridade Social (INSS) de denegar sempre o complemento aos homes e obrigalos a reclamar en vía xudicial supón un incumprimento administrativo, que, en si mesmo, constituiría unha discriminación por razón de sexo, en lugar dun incumprimento normativo, tal e como defende o INSS. En función desta resposta, a Sala tamén solicitou que o TXUE ditamine se procede indemnizar aos afectados polos danos e prexuízos causados.

O TSXG expuxo a cuestión prexudicial tras recibir o recurso dun pai de dous fillos, quen ten recoñecida por sentenza, desde outubro de 2019, unha prestación de incapacidade permanente absoluta.