Stephanie Llaryora, actriz: "Encántanme as cousas impredicíbeis e coido que a Galiza é algo impredicíbel"

Stephanie Llaryona preparándose para a personaxe de Ruka na obra Feminíssimas (Foto: De Ste Xeito)
Stephanie Llaryora recoñece o seu carácter nómade até chegar á Galiza. Naceu en Florida (EUA) e vivíu na América Latina, Madrid e Euskadi. O teatro é a súa paixón e conseguiu que fose a súa profesión unha vez estabelecida no noso país coa creación da produtora De Ste Xeito. Entrou polo Padornelo amosando o seu humor en monólogos enxeñosos e valentes nos que incorporou a lingua galega que agora fala con soltura.   

No espectáculo 'Eu quero ser galega' atrévese coa análise da nosa identidade. Aproveitou as súas experiencias?

Fíxeno desde o que eu sentín. Por un lado sentía moita identificación coa personaxe. Se alguén está onde debe estar todo flúe. Se tes moitas dificultades é que non estás onde corresponde. A miña integración levoume a analizar o que estaba a pasar desde un punto de vista cómico. Tamén tratei o choque cultural que atopei. Busquei a experiencia de alguén que se quere adaptar a esta terra. 

Galiza ten unha personalidade moi marcada. Impactoume o sentimento de acollida, de moita raíz. Imaxino que tedes incorporada esa historia da emigración e no meu caso cando volvía sempre atopaba acubillo. Coincide coa miña historia da emigración. Atopei un sentimento de moito compromiso e honestidade por parte da xente.

A dúbida da que se fala tanto é máis porque tedes moito que dar e igual precisades pensar sobre a persoa que tedes diante. A min encántanme as cousas impredicíbeis e coido que a Galiza é algo impredicíbel. Pola súa meteoroloxía e por ter tanta conexión coa natureza. Creo que me agarda unha historia de vida moi potente.

Como foi a súa propia "galeguización"?

Coa Galiza tiven un amor a primeira vista. Estudei arte dramática en Madrid e vivín en Euskadi. A miña familia é moi nómade e viaxei moito tamén pola América Latina. Participei en diversos monólogos nunha época na que se facían moitos. Un compañeiro tróuxome a traballar e notei que se me abrían moitas portas. Comecei a facer amizades e a miña mellor amiga vivía na Coruña. De repente tiña moito sentido todo o que eu facía aquí. Foi cando me decidín a quedar. Atrapoume, e non sei explicar como, mais xa levo sete anos vivindo aquí. 

Cal é a idea co espectáculo 'Feminíssimas', que agora representan pola xeografía galega?  

Queriamos afondar no tema dos feminismos, das diferentes sensibilidades que hai dentro do movemento. As tres actrices e o director quixemos profundizar nesta cuestión. Obviamente somos feministas mais vimos que había debates internos con axendas políticas moi diferentes, que atopas se entras en calquera foro. Queriamos retratar, por un lado, o enfrontamento a través de tres feminismos diferentes mais que as protagonistas fosen amigas. Entra un pulso entre amizade e ideoloxía. 

A peza narra o encontro de tres mulleres inseparábeis na infancia, que hai quince anos que non se ven e que se atopan pola circunstancia de que haberá un congreso feminista en Vigo. Cada unha delas representa un sector do feminismo: o radical, o liberal e o posfeminismo. Son ideas ben distintas de entender neste movemento, que entran nun forte debate.

Identidade galega, feminismos... Non son temas arriscados nun espectáculo?  

O risco do espectáculo era algo que nos preocupaba, ao principio, polas susceptibilidades que podía ferir. No tempo que levamos de xira vimos que non foi así. A nosa idea nunca foi contar a proposta de quen é máis feminista, senón a de retratar tres feminismos diferentes, polo que as persoas do público poden sentirse máis achegadas a unha das tres tendencias. 

O máis interesante para min é a análise que poden facer das outras ideas, respectar que se pense doutra maneira, e a explicación biográfica de cada unha. A obra vai máis alá, as persoas que hai baixo as ideoloxías. Como chegamos a pensar como pensamos? É dificil conectar desde a diferenza mais o importante é o respecto.