STEG rexeita o acordo de Educación e mantense na convocatoria de folga de profesorado para os días 16 e 17 que anunciara coa CIG

Manifestación de docentes galegos, o 25 de setembro en Compostela. (Foto: Arxina)

O sindicato denuncia a negativa de Educación a convocar os comités de folga e insiste en que o acordo de 2023 non responde ás demandas actuais do colectivo docente.

O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG) confirmou esta segunda feira que non se suma ao acordo de melloras defendido pola Consellaría de Educación e que se mantén, xunto á CIG-Ensino na convocatoria das dúas xornadas de folga desta semana, os días 16 e 17 de decembro. A decisión foi adoptada tras a xuntanza mantida co director xeral de Centros e Recursos Humanos, Xosé Manuel Álvarez Bértolo, na que o sindicato reclama que non se produciron "avances reais" nin se abriu unha "negociación efectiva".

Na reunión participaron, por parte do STEG, a secretaria de organización, Comba Campoi, o secretario de acción sindical, Félix Roca, e o responsábel de Confederación, Miguel Paz. Pola Consellaría, ademais de Bértolo, estivo presente o subdirector xeral de Recursos Humanos, Xosé Carlos Barros. Desde o sindicato lembran que solicitaron en reiteradas ocasións unha reunión directa co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sen obter resposta, así como a convocatoria formal dos comités de folga.

Durante o encontro, as representantes do STEG expuxeron as principais reivindicacións que motivaron as mobilizacións do profesorado desde o inicio do curso: a redución da carga lectiva, a diminución do número de alumnado por aula en todas as etapas educativas e a contratación de máis persoal especialista en atención á diversidade. Tamén puxeron o foco na recuperación do poder adquisitivo perdido desde a crise, no dereito do persoal substituto que traballa máis de cinco meses e medio a permanecer dado de alta durante o verán e na situación de máis de 600 docentes de especialidades singulares da FP que perciben salarios inferiores aos dos seus compañeiros malia realizar as mesmas funcións.

Segundo trasladou a administración educativa, todas estas cuestións estarían xa recollidas no acordo asinado en 2023 por outros sindicatos. Porén, desde o STEG rexeitan esta interpretación e sosteñen que ese acordo, que a organización non asinou, "non constitúe un marco válido de negociación" nin dá resposta ás demandas actuais do profesorado.

Ante a negativa do director xeral a fixar unha data para unha negociación cos comités de folga, o STEG decidiu mantense nas mobilizacións previstas e convocadas coa CIG-Ensino. O profesorado de todas as etapas educativas non universitarias está chamado a secundar a folga e a participar nas manifestacións convocadas para esta terza feira nas principais cidades galegas, que simbolizarán un velorio pola escola pública.

A protesta culminará a cuarta feira, 17 de decembro, cunha manifestación nacional en Compostela que partirá do Parlamento galego ás 11.30 horas, coincidindo coa comparecencia do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, no pleno.