Semana de folga, loito e mobilizacións no ensino da Galiza: "A única vía é continuar coa loita"

Manifestación contra os recortes do Goberno galego no ensino público. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O profesorado galego está chamado á folga este 16 e 17 de decembro, dous días nos que o conxunto da comunidade educativa escenificará o enterro do ensino público.

O profesorado do IES García-Barbón de Verín convoca esta segunda feira unha Asemblea aberta a toda a comunidade educativa de Ourense a partir das 19.30 horas nas dependencias do centro co obxectivo de "construír un movemento asembleario aberto e desde abaixo, capaz de tecer unha rede intercentros que recolla as voces de todo o profesorado, familias e alumnado".

Após as cornadas de folga de setembro e outubro, "nas que a participación foi exemplar e medrou conforme avanzaban as xornadas" e ante a convocatoria da folga do profesorado dos días 16 e 17 de decembro por parte da CIG-Ensino e do STEG (Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza), o centro toma a iniciativa co fin de " coordinarmos accións e traballar de xeito unitario para recuperar a dignidade do ensino público debatendo, pondo en común ideas e organizando estratexias de actuación". A esta primeira acción, o equipo docente do IES García-Barbón de Verín anuncia que levará a cabo un feche no instituto a partir das 20 horas "como medida de presión e visibilización da nosa protesta".  

Segundo advirten nun comunicado, a Consellaría de Educación ignorou por completo as demandas do profesorado. Ante esta falta absoluta de resposta, entendemos que a única vía é continuar coa loita", alentan, solicitando tamén as organizacións convocantes dos paros unha panificación estratéxica das futuras mobilizacións para que sexan "efectivas e útiles, sen descartar a posibilidade da folga indefinida".

Folga e marchas fúnebres

A CIG-Ensino, xunto ao sindicato STEG, convocan estra semana dúas novas xornadas de folga de profesorado esta terza e cuarta feira, coincidindo coas sesións de avaliación programadas en moitos centros. Segundo avanzou a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, "hai centros que veñen de celebrar claustros para decidir adiar estas sesións de avaliación até despois do Nadal, o que significa que o alumnado irá sen cualificacións este trimestre, outros nos que non se celebrarán estas sesións pero o alumando levará cualificacións igualmente... Estas son decisións que debe adoptar autonomamente cada centro para que tamén neste tema se teña en conta a opinión maioritaria e democrática do profesorado sen imposición por parte das inspeccións educativas".

Os sindicatos convocantes chaman o profesorado galego a secundar accións que socialicen o conflito. Así, esta terza feira, día 16, haberá marchas fúnebres que percorrerán diversas localidades galegas con saída e paradas en centros educativos nos que se irán deixando crespóns negros e necrolóxicas para simbolizar o enterro do ensino público.

  • A Coruña: CEIP Alborada ás 11 horas con parada en diversos colexios e institutos até chegar á Xefatura Territorial de Educación no edificio da Xunta en Monelos.
  • Ferrol: no local sindical da CIG ás 11 horas con parada en diversos colexios e centros até o IES Concepción Arenal.
  • Santiago de Compostela: haberá dúas marchas, ambas con saída ás 10 da mañá. Unha desde a zona norte da cidade, en concreto desde o CEIP Monte dos Poste, e outra desde o IES A Pontepedriña, situado na zona sur. As dúas confluirán na Alameda compostelá despois de pasar por diversos centros educativos da cidade.
  • Lugo: CEIP Illa Verde ás 10:30 horas con parada en diversos centros de ensino da capital lucense até chegar á Delegación Territorial da Consellaría en Lugo.
  • Monforte: saída do IES A Pinguela ás 10.30 horas con parada en varios centros e remate na EOI de Monforte.
  • Ourense: Conservatorio Profesional de Música ás 11 horas, percorrendo diversos centros da cidade até a Delegación Territorial da Consellaría de Educación.
  • Pontevedra: IES A Xunqueira 2 ás 10 horas, con percorrido por diversos centros até chegar ao IES Frei Martín Sarmiento.
  • Vigo: dúas marchas fúnebres entre centros con saída ambas ás 10 horas. A primeira con saída do IES San Tomé e remate no IES Santa Irene. A segunda marcha sae do CEP Dr. Fleming con remate no IES do Castro. A continuación convócase unha manifestación, ás 12 horas, polas rúas da cidade con saída do cruce de Urzáiz con Vía Norte até o cruce dos Catro Bancos.

Manifestación en Compostela

A cuarta feira, día 17, CIG-Ensino e STEG chaman o profesorado a asistir masivamente a Compostela a unha manifestación na que se emulará o enterro do ensino público polas rúas da capital de Galiza, polo que convidan a asistir á marcha de loito, con vestimenta negra ou escura.

A negativa do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a reunirse coas organizacións convocantes a semana pasada, non desalenta as organizacións sindicais que manteñen a promesa de continuar as mobilizacións.

"Educación anunciou que vai seguir negociando no marco da comisión de seguimento do acordo de melloras dúas cuestións que emendan directamente o que aparecía nese texto, tal e como leva pedindo a CIG-Ensino nestes dous anos de vixencia do mesmo. Isto demostra que coa convocatoria de mobilizacións, pero sobre todo co feito de que foran secundadas maioritariamente polo profesorado, estase a condicionar moito máis ese acordo que coa súa sinatura", reivindican desde a CIG-Ensino.