A CIG e STEG fecháronse en Educación e urxen negociar melloras laborais co conselleiro
Un grupo de 15 delegados e delegadas da CIG-Ensino e de STEG fecháronse esta quinta feira nas dependencias de Educación en San Caetano despois de coñecerse polos medios de comunicación que se está negociando o adianto da baixada de ratios e da redución horaria en secundaria. A pretensión das e dos docentes era permanecer nas instalacións institucionais até que a Consellaría axendase unha xuntanza cos sindicatos para abordar a táboa reinvidicativa das dúas xornadas de folga convocadas para o 16 e 17 de decembro.
"Despois de falar co persoal do conselleiro permaneceremos aquí até ter unha data de reunión e mantemos as folgas da vindeira semana, que coincidirán coa aprobación dos orzamentos da Xunta da Galiza para 2026", explicou onte a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo. Con todo, o grupo de delegadas e delegados da CIG e STEG foi desaloxado pasadas as dúas da tarde.
Arroxo enmarcou esta acción reivindicativa na estratexia de visibilizar o conflito laboral que mantén o profesorado galego coa Consellaría de Educación desde o inicio deste curso. Ademais sinalou que "despois de coñecerse que no marco da comisión de seguimento do acordo se están negociando avances en materia de recuperación horaria e de redución de ratios en Secundaria, a Consellaría non pode deixar á marxe o sindicato maioritario nin ás organizacións que están convocando as mobilizacións que está secundando maioritariamente o profesorado galego desde o inicio de curso".
Aliás, proseguiu, "as cuestións que están enriba da mesa superan o propio acordo, tal e como demanda a CIG-Ensino. Está claro que estes movementos non se producirían se non houbese estas mobilizacións, dado que o acordo supeditaba estas baixadas no caso do horario a que a xornada do funcionariado pasase ás 35 horas semanais (algo que hoxe en día non está enriba da mesa) e no tema das ratios de secundaria non se ía iniciar a negociación até o remate da aplicación das novas ratios en Infantil, isto é, no curso 26/27".
Para a secretaria nacional da CIG-Ensino, esta actitude da Consellaría, "mantida no tempo", é "antidemocrática e ademais supón un desprezo aos miles de docentes que levan este curso mobilizándose e perdendo o seu salario para reclamar melloras laborais e que redunden no ensino público". Así, chamou a participar nas dúas novas xornadas de folga da vindeira semana que en moitos casos coincidirá con sesións de avaliación nos centros.
Marchas fúnebres e enterro simbólico
A CIG chama a tinxir de negro os centros educativos galegos como sinal de loito polos recortes e polo que cualifica de desmantelamento progresivo do ensino público. A central sindical anima a secundar as dúas novas xornadas de folga convocadas para os días 16 e 17 de decembro, que serán a cuarta e quinta deste trimestre e que culminarán cun velorio e un enterro simbólicos da escola pública.
Así, a xornada do 16 de decembro estará dedicada á organización, en distintas localidades, de marchas fúnebres entre centros educativos, mentres que o día 17 está prevista unha manifestación nacional en Compostela, con saída ás 11.30 horas desde o Parlamento galego e que atravesará a cidade simulando o enterro simbólico do ensino público galego.

