O STEG recorrerá as instrucións da Consellaría que “impoñen a censura nos centros escolares”
O Manifesto en defensa da liberdade, a diversidade e os dereitos humanos nos centros educativos da Galiza leva recollidas ao redor de 500 sinaturas individuais e a adhesión de numerosas entidades da sociedade civil, segundo informa o STEG a través dunha nota de prensa .
Dito manifesto, explica, rexeita o intento da Administración educativa galega “de impór o control ideolóxico nas comunidades educativas dos centros (claustros, asociacións de familias e alumnado)”.
Promovido polo Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza a raíz “das contestadas declaracións de Román Rodríguez onde equiparaba os actos en apoio a Palestina coa escolla entre patacas fritidas ou cocidas (nunha preocupante banalización da actual crise humanitaria mundial)”, o manifesto expresa “o rexeitamento de distintos axentes da sociedade civil á censura das actividades que, complementando as programacións ordinarias de aula, favorecen o pensamento crítico e a defensa dos dereitos humanos, o respecto ás diferenzas e o coidado do medio natural”.
Días despois destas polémicas declaracións do conselleiro, as instrucións para o inicio de curso veñen de ser publicadas no DOG, plasmando por escrito “as ameazas que o titular do departamento de educación deixara entrever nas súas palabras”.
Ditas instrucións citan expresamente o artigo 18 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, mais “terxiversan o seu sentido”. A literalidade do artigo di que “os centros educativos desenvolverán as súas actividades con suxeción aos principios constitucionais, garante de neutralidade ideolóxica”, mentres que nas instrucións da Consellaría fálase de que as actividades dos centros se farán “cumprindo os principios constitucionais, garantindo a neutralidade ideolóxica”.
Por tanto, di este sindicato, “terxivérsase a norma para instrumentalizala para censurar o profesorado, precisamente aquel que fai máis esforzos por incorporar os principios constitucionais no seu labor docente”.
STEG di que cumprindo o expresado no manifesto apoiado xa por entidades de ámbitos tan diversos como o apoio ao pobo palestino, ao colectivo Lbgtiq+, ao medioambiente ou á memoria democrática, desde os servizos xurídicos do STEG van recorrer estas instrucións, “que supoñen un paso máis na deriva autoritaria da administración autonómica galega”.
