A Xunta quere ter baixo o seu control toda a actividade que se realiza nos centros de ensino

A Consellaría vai impor o vindeiro curso a "neutralidade ideolóxica" e avoga por "defender os principios constitucionais"
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, esta cuarta feira 4 de xuño. (Foto: Xunta da Galiza)
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, esta cuarta feira 4 de xuño. (Foto: Xunta da Galiza)

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, aproveitou esta cuarta feira a reunión coa Xunta Autonómica de Directores e Directoras para anunciar as instrucións do seu departamento para o ano académico 2025-2026. Unhas instrucións entre as que sobresae a apelación á "neutralidade ideolóxica" e aos "principios constitucionais" como vectores que deben guiar o ensino público en base aos cales estabelece un control sobre as actividades complementarias que se desenvolven no ensino público. Actividades que deberán ter unha "neutralidade ideolóxica", mais sen concretar en que consiste nin como se fai. O conselleiro indicou que deberá haber "neutralidade ideolóxica" nas actividades como "visitas didácticas ou charlas", unha referencia que non figuraba nas instrucións de anos anteriores.

Nun intento de explicarse, Román Rodríguez afirmou que "se a min me gustan as patacas fritidas e a ti as patacas cocidas, trátase de non impor nin unhas nin outras". E así, indicou, apóstase por "garantir a convivencia". Pródigo en exemplos para ilustrar as novas instrucións, o conselleiro engadiu outro: "Non quere dicir que non se poña unha bandeira, pero hai que facelo cun respecto".

"Intervencionismo permanente"

Para Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, o sindicato maioritario na educación pública na Galiza, estamos ante un intento da Consellaría de "censurar o profesorado" e de "coartar a liberdade" nos centros de ensino. Lembra que a aposta por "manter baixo control todo o que pasa nos centros de ensino" non é unha novidade, mais con estas instrucións a Xunta da Galiza daría un paso máis. "Lembremos a presión da Consellaría para impedir a participación no certame Altri Lixo en Redondela", sinala Bermello. 

O departamento de Rodríguez "volve dar mostras do seu principio de interferencia permanente" nos centros de ensino coa finalidade de que "non se fagan cousas que non lle gustan", aínda que para iso teña que "coartar a liberdade de cátedra" do profesorado.  

Noelia Sánchez Vaamonde, secretaria xeral de CCOO-Ensino, lamenta que "outra vez" as organizacións teñan que "saber" das medidas e anuncios da Consellaría pola prensa e non a través de información remitida polo departamento educativo. Considera Sánchez que a "neutralidade ideolóxica" —que está "na lei"—, é "necesaria" sempre que esta sexa nos termos e sentido que estabelece a propia lexislación. "Outra cousa é que se queira facer unha interpretación máis dura ou máis restritiva; chegados a ese punto, habería que denuncialo", sinala.

Lois Pérez, secretario de Organización do STEG, afirma que ven "con preocupación e perplexidade" a "deriva" da Consellaría de Educación. Estas medidas, sostén, o que fan é "deslexitimar e debilitar o funcionamento dos órganos colexiados nos centros, como o claustro ou o consello escolar". Para Pérez, ademais, "o ensino público non pode ser neutral ante certos temas e certas cuestións, iso sería faltar á propia encomenda do ensino público".

O conselleiro incidiu esta cuarta feira en que as actividades complementarias que se organicen (como son as visitas didácticas, as charlas, sos obradoiros...) deberán estar rexistradas na Programación Xeral Anual ao inicio de curso, algo que xa acontecía en cursos anteriores. Tamén as colaboracións do centro coas distintas entidades, dentro dese marco que é "promover os principios constitucionais". "Pero que pensan, que imos ás aulas proclamar a independencia?", pregúntase con sorna Bermello.

Autoridade do docente

Outra das principais novidades das instrucións pendentes de publicación é que van pór o foco no "reforzo da autoridade do profesorado e da persoa que ocupa o posto de dirección". A este respecto, detállase que a Consellaría fomentará unha actitude de "tolerancia cero" ante calquera tipo de agresión física ou verbal contra os profesionais do ensino. A introdución dun tempo diario para o fomento da lectura en Educación Primaria —xa vixente desde hai anos en cumprimento do currículo—, foi outro dos "anuncios" da Consellaría.

Ratios

Doutra parte, a preguntas dos medios sobre as demandas de Anpas de mellorar as ratios e a atención a alumnado con necesidades especiais, o conselleiro defendeu que xa está a facer ese reforzo. Afirmou que xa realizaron "unha conxelación nas aulas, que non chegan aos topes legais de alumnos". Mais, en abril, Educación publicou unhas instrucións que permiten aumentar até 25 o número máximo de escolares por aula no último curso de Educación Infantil e en todos os de Educación Primaria, sempre que exista demanda suficiente. A decisión deixa sen efecto práctico a redución de ratios que se anunciara como un dos compromisos que fixaba o acordo para o ensino asinado en outubro de 2023 entre a Consellaría e os sindicatos CCOO, UXT e ANPE.


Precedentes: do Altri Lixo á solidariedade con Palestina

As instrucións supoñen un paso máis para manter baixo control o que se fai nos centros de ensino, mais esa pulsión xa era patente nestes anos. Un exemplo é o de Arte Lixo, o certame artístico e de denuncia ecolóxica que decorre coa colaboración do Concello de Redondela (comarca de Vigo), que dedicou a edición 2025 á loita social contra a macrocelulosa de Altri, e cambiou a súa denominación pola de Altri Lixo. Os sindicatos denunciaron que a Xefatura Territorial de Ensino enviou a colexios e institutos unha carta "intimidatoria" interesándose pola participación dos centros nesta actividade.

Outro exemplo, tamén neste curso, foi a presenza dun representante da embaixada de Palestina na Galiza e que ía participar en charlas nalgúns institutos. Desde o STEG lembran que as presións da Consellaría para que non se fixese ese acto nun instituto de Compostela provocou a cancelación do mesmo. 

A presión de Educación a centros de ensino chegou mesmo a ser obxecto de denuncia no Parlamento, onde se denunciou o "acoso" que sufriu o IES A Sangriña da Guarda (Baixo Miño), "forzado a retirar da súa web" un comunicado do seu propio claustro no que denunciaba os danos dos recortes na calidade do ensino público.

Comentarios