STEG afonda nas carencias do ensino público: "Só tres semanas e a situación é insostíbel"
En "só tres semanas" as carencias que enfrontan os centros educativos públicos da Galiza xa están a pasar factura aos equipos docentes e directivos. As consecuencias "dunha xestión claramente deficiente por parte dos responsábeis da Consellaría de Educación", sinala o sindicato STEG nun comunicado, foron inmediatas e están a lastrar o conxunto da comunidade educativa.
"Desde as direccións dos centros denuncian xubilacións sen cubrir, prazas desaparecidas no concurso de destinos ou outras que se eliminan sen explicación", unha mingua que compromete a calidade educativa e o coidado do alumnado nas aulas, onde tampouco "se están a cumprir as ratios estabelecidas no Acordo de Agrupamentos de 2009".
É por iso que o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza vén de entregar un documento dirixido Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos no que recolle as demandas de máis de trinta centros de toda Galiza "para que se lles conceda o profesorado que lles corresponde".
O escrito faise eco das reclamacións que moitos centros veñen facendo mesmo desde finais do curso pasado, cando a xubilación ou a ausencia por comisión de servizos dalgunha docente urxía unha remuda para iniciar o novo curso.
Aulas ateigadas sen apoios
Así, detalla o STEG, o do CEIP de Oleiros, malia contar coa confirmación verbal por parte da inspección e da Xefatura Territorial correspondente, a praza que demandaba non apareceu na adxudicación de destinos publicada en agosto.
O sindicato cita outros casos como o do CEIP Virxe da Barca de Muxía, onde se superan as ratios previstas fixadas nun acordo, "o da miseria" que STEG "non asinou por considerar que era insuficiente". Porén, chama a Consellaría a cumprir os seus compromisos e "non deixar o alumnado na actual situación de vulnerabilidade".
As ratios elevadan provocan en Muxía, mais tamén no CEIP Cornide Saavedra da Coruña, "agrupamentos mixtos de máis de 18 crianzas, con varios casos de alumnado con grandes necesidades de apoio educativo, sen profesorado de apoio que permitiría desdobrar eses grupos, cando menos para a impartición das materias instrumentais (linguas e matemáticas)".
MEGA E PROA+
O STEG tamén censura a achega de profesorado a través dos programas MEGA ou PROA+. "Non constitúe unha solución válida a longo prazo para estes centros, dado que o alumnado que require de apoios específicos precisa dunha atención continuada no tempo, que facilite a xeración de lazos de confianza e procesos de traballo sostidos. Un contrato precario de 7 meses non favorece ese tipo de relación", destaca.
O sindicato apunta a precariedade e o esforzo que están a facer no inicio de curso moitos centros, "nomeadamente os máis pequenos e os situados no rural". Son, afirma, os que máis padecen unha situación de desvantaxe que provoca "estres no profesorado, que non pode desenvolver axeitadamente as súas funcións. E o alumnado é o principal prexudicado nesta situación".
Desde o STEG urxen diálogo para afrontar unha situación "insostíbel".

