Sanidade pública

SOS Sanidade prepara unha "gran manifestación" en Vigo de cara a outubro

Unha muller sostén unha roda na que se pode ler 'Presidente', na manifestación do pasado 12 de febreiro convocada por SOS Sanidade Pública. (Foto: Arxina)
"Desgraciadamente, é de esperar que todo siga igual ou peor que o ano pasado, dado que a Consellaría [de Sanidade] non fixo ningún esforzo serio para afrontar a deterioración dos centros de saúde", lamenta a plataforma.

A plataforma SOS Sanidade Pública prepara xa de cara á primeira quincena do mes de outubro, aínda sen unha data concreta, unha "gran manifestación" na cidade de Vigo, dado que esta área sanitaria ten "privatizada" a Atención Hospitalaria e sofre unha "deterioración enorme" na Primaria.

Este foi o principal acordo adoptado na reunión do colectivo desta quinta feira, que serviu para estabelecer o calendario de próximas protestas. Así, a plataforma, que agrupa decenas de asociacións, sindicatos e partidos políticos, continuará coas súas mobilizacións a nivel local dada a "situación" que padece actualmente a Atención Primaria.

"Desgraciadamente, é de esperar que todo siga igual ou peor que o ano pasado, dado que a Consellaría [de Sanidade] non fixo ningún esforzo serio para afrontar a deterioración dos centros de saúde, fechamento de PAC e consultas, e da precariedade das condicións laborais do persoal", subliña SOS Sanidade Pública, que advirte: "Non pararemos até conseguir o obxectivo dun modelo de Atención Primaria accesíbel, equitativo e de calidade".

Así, incorporarán ás súas reivindicacións a postura contraria ao acordo alcanzado por Sanidade coa delegación na Galiza do sindicato médico CESM —que puxo fin a unha folga de nove días— por flexibilizar o réxime de compatibilidades para facultativos que exercen na sanidade pública e na privada, que agora tamén poderán cobrar o complemento específico.

Aliás, a reunión desta quinta serviu para felicitar a todas as plataformas que engloba polo seu "esforzo" na recollida das máis de 50.000 sinaturas que lograron levar até o Parlamento da Galiza a iniciativa lexislativa popular na defensa da Primaria, un texto debatido o pasado 9 de maio e rexeitado cos votos en contra do PP.

De feito, a través deste comunicado, SOS Sanidade felicitou en concreto a Vanesa Viquendi, quen foi a encargada de presentar na Cámara esta iniciativa, por "facer fronte á mala educación e o desprezo" da bancada 'popular' aos "miles de cidadáns" que apoiaron a ILP.

Tamén censura este colectivo a ausencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o debate, malia que si estivo —se ben non chegou a intervir— o seu conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.