SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación o 4 de febreiro por uns orzamentos "xustos" coa sanidade

Imaxe de arquivo dunha manifestación da SOS Sanidade Pública en Compostela. (Foto: Arxina).

A plataforma convoca tamén unha concentración fronte ao Parlamento galego para o 19 de decembro.

A Plataforma SOS Sanidade Pública anunciou unha manifestación para o domingo 4 de febreiro ás 12horas, desde a Alameda de Compostela, para reclamar uns orzamentos "xustos" coa sanidade pública, xa que consideran que os actuais non cobren as súas necesidades. Ademais, concentraranse fronte ao Parlamento galego o 19 de decembro ás 12 horas.

A plataforma explicou que consideran que os orzamentos presentados pola Consellaría de Sanidade "non responden as necesidades reais da Sanidade Pública e consolidan a situación actual de enfraquecemento e privatización".

Atención Primaria

"A cidadanía sabe que a situación da Atención Primaria é límite e que necesitaba un impulso importante para poder desenvolver as súas capacidades. E este impulso non aparece nos orzamentos presentados, que están lonxe do obxectivo de 25% do orzamento da sanidade pública, quedando en 14%", aseveraron.

Consideran, ademais, que a atención hospitalaria continúa "arrastrando" un problema de accesibilidade, "con listas de espera non publicadas". A este respecto, afirman que só se publican as estruturais, "o que ocasiona atrasos nos procesos, xa que os diagnósticos tardan máis en confirmarse e as intervencións cirúrxicas tardan en realizarse".

Así mesmo, destacan o "importante" problema de falta de profesionais tamén nos hospitais, "que teñen que atender a máis pacientes ingresados que os que recomendan as sociedades científicas".

Saúde mental

Outro dos temas é o referido ás enfermidades relacionadas coa saúde mental, "un problema emerxente na sociedade actual" e ao que, censuran, resulta "evidente" que a sanidade pública "non está a dar a resposta que se necesita".

"A proba é o elevado número de psicofármacos que toma a poboación, cando sabemos que hai alternativas mellores á resposta farmacolóxica, a única posible cando faltan profesionais".

Por iso, reclaman a presenza da Psicoloxía Clínica en Atención Primaria, "non dunha forma simbólica, senón como parte importante da resposta que ten que ofertar a sanidade pública".