O Sorteo de Nadal repartirá este domingo 2.702 millóns de euros en premios, 112 máis que en 2023
Estímase que cada galega ou galego gastou de media 79,79 euros, ao redor de dous euros máis que o ano anterior.
O Sorteo Extraordinario da Lotaría de Nadal deste 2024 —que poderás seguir ao vivo na páxina web de Nós Diario— repartirá este domingo, día 22, un total de 2.702 millóns de euros en premios, o que supón 112 millóns máis que o ano pasado.
Para o Sorteo, que terá lugar no Teatro Real de Madrid, puxéronse en circulación 193 millóns de décimos de Lotaría de Nadal. A emisión deste ano constará de 193 series, oito máis que en 2023, de 100.000 números cada unha e ascende a 3.860 millóns de euros.
Deste xeito, repartiranse un total 2.702 millóns de euros en premios, nun ano no que se mantén a contía destes: o 'Gordo' de Nadal, o primeiro premio, é de 4.000.000 de euros á serie (400.000 o décimo), o segundo premio é de 1.250.000 euros á serie e, o terceiro, de 500.000 euros á serie.
80 euros por persoa
Segundo a cifra de consignación por habitante da Sociedade Estatal de Lotarías e Apostas do Estado (Selae), cada residente no Estado español gasta unha media de 73,84 euros en comprar décimos para o Sorteo Extraordinario da Lotaría de Nadal, fronte aos 71,67 euros do ano anterior.
Con todo, dita cantidade é unha estimación, xa que o dato será definitivo unha vez se reciban as devolucións de boletos non vendidos durante a campaña do sorteo. Deste xeito, os perto de 74 euros de gasto por persoa corresponden ás estimacións de venda que fai Selae á hora de enviar os boletos ás administracións de lotaría, aínda que sempre hai unha proporción de décimos que quedan sen vender.
No caso da Galiza, segundo os datos da Selae, a consignación é de 215,1 millóns de euros (208,2 millóns en 2023), con máis dun millón de billetes. Ademais, estímase que cada galega ou galego gastou de media 79,79 euros no Sorteo de Nadal, é dicir, ao redor de dous euros máis que en 2023 (77,40 euros) e seis euros máis que a media estatal, que se sitúa nos 73,84 euros.
Cando se cobran os premios?
Por outra banda, os premios do Sorteo Extraordinario de Nadal 2024 comezaranse a abonar desde a tarde do 22 de decembro, cando finalicen tanto as verificacións dos números extraídos como os procesos informáticos, como é habitual, e até o 24 de marzo de 2025.
Para cobrar un premio, segundo as indicacións de Lotarías e Apostas do Estado (LAE), é "imprescindíbel" presentar o décimo ou resgardo premiado. Se os premios son inferiores a 2.000 euros por cada décimo ou resgardo, pódense cobrar exclusivamente nun dos 10.884 puntos de venda da rede comercial de Loterías, a partir da tarde do 22 de decembro. Neste caso, a entidade que preside Jesús Huerta explica que o premio pode cobrarse en metálico ou a través de Bizum.
Ademais, os premios do tradicional sorteo do Nadal poderanse cobrar até o 24 de marzo de 2025, xa que o dereito á cobranza dos premios de Lotaría de Nadal caduca aos tres meses, contados a partir do día seguinte ao da celebración do sorteo.

