Todo listo para o Sorteo de Nadal 2024, que poderás seguir en directo en 'Nós Diario'
A partir das 9 horas do vindeiro domingo, 22 de decembro, podes comprobar os números premiados no sorteo, ao vivo, na web de Nós Diario.
Os bombos e os tradicionais elementos necesarios para a celebración de Sorteo Extraordinario de Nadal 2024 este domingo 22 de decembro agardan xa no Teatro Real de Madrid, segundo informa Lotarías e Apostas do Estado. Este ano tamén poderás seguir en directo o sorteo na páxina web de Nós Diario. Ademais da ferramenta da nosa web na cal poderás comprobar se os teus décimos teñen premio, este ano achegamos unha novidade: un mapa no que che será posíbel visualizar as localidades agraciadas no sorteo.
Deste modo, xunto aos populares bombos atópanse as bólas, que repartirán a sorte; a tremoia, que permitirá transportar as bólas desde as liras até o seu correspondente bombo; ou a trompeta, desde a que sairán as bólas até a copa.
Todos e cada un dos materiais chegaron á primeira hora da sexta feira 13 de decembro ao coliseo madrileño, para situarse no escenario onde se decorrerá o Sorteo. O bombo grande, que ocupaba un espazo protagonista, xa está listo para acoller as 100.000 bólas dos números que participan no Sorteo. Fabricado no ano 2006, está realizado nunha aliaxe de latón e bronce, e ten unha altura de 2,64 metros, unha anchura de 2,11 metros e un peso aproximado de 850 quilos. O diámetro da súa esfera alcanza os 1,58 metros.
Pola súa banda, o bombo pequeno, o que albergará as bólas dos premios, está realizado cos mesmos materiais, e ten unhas dimensións de 1,60 de alto por 1,28 metros de ancho, cun diámetro de esfera de 0,74 metros e un peso ao redor do 450 kg.
Tamén chegaron ao Teatro Real as 100.000 bólas de números e as 1.807 bólas de premios. Destacaban entre todas as do primeiro premio, o popularmente coñecido como 'O Gordo', que repartirá 4 millóns de euros por serie. Todas as bólas están fabricadas en madeira de buxo, cos números gravados en láser e co mesmo peso (3 gramos) e o mesmo tamaño (18 milímetros).
Até a madrugada deste sábado todos os elementos do Sorteo Extraordinario de Nadal permanecen na planta menos dezaseis do Teatro Real, "custodiados baixo estritas medidas de seguridade durante as 24 horas do día". Alí sitúanse até que no mesmo sábado suban ao escenario, para fechar os detalles finais e que "luzan en todo o seu esplendor" para o Sorteo.
Este ano a emisión do Sorteo de Nadal é de 3.860 millóns de euros, dos que se reparte un 70% en premios. É dicir, que este 22 de decembro o Sorteo de Nadal repartirá 2.702 millóns de euros en premios. Entre os premios repartidos pola Lotería de Nadal, destacan o primeiro premio, 'O Gordo', con 4.000.000 de euros á serie; o segundo premio, de 1.250.000 euros á serie; e o terceiro, con 500.000 euros á serie.