Sormáns ‘O Roxo’ e as Tanxugueiras, protagonistas do Sermos Galiza.

tanxu sermos

Debullamos a historia dun rei galego na obra de Adenet le Roi, entrevistamos o grupo galego do momento e percorremos os tesouros que en forma de xoguetes atesouran coleccionistas galegos.

Ducias de manuscritos medievais europeos –dende Francia até as terras escandinavas, e dende Inglaterra até Italia– plasman unha realidade socio-política galega diferente á que, dende a Península, se nos foi imbuíndo pola forza do castigo e do desprezo. Quer en crónicas históricas, quer en textos literarios, o noso país diferénciase perfectamente de España. E bo exemplo disto certifícase na obra dun dos trobadores máis destacados de Brabante e Flandres: Adenet le Roi.

Velaquí a historia que Héitor Picallo debulla na reportaxe de apertura do Sermos Galiza nº482, que esta sexta feira se publica canda Nós Diario. “Que saibamos, Adenet le Roi é autor de catro obras literarias, tres delas cancións de xesta e outra, un extenso relato de cabalería. Quizais a primeira en ser elaborada é a que leva por título ‘Bueves de Commarchis’, séguelle ‘Les enfances d’Ogier le danois’ (As infancias de Ogier o danés) e ‘Berte aux grans piés’ (Berta a dos pés grandes). Segundo John L. Grigsby, ‘Li romans de Cléomadès’ é a única que se pode datar con certeza, considerándoa de 1285”.

Vir para Quedar

Yuri Carrazoni entrevista as Tanxugueiras. Os días 26, 27 e 29 de xaneiro o trío que conforman as Tanxugueiras —Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro— competirán no Festival de Benidorm por representar o Estado español en Eurovisión, nunha edición que decorrerá en maio na cidade italiana de Turín. 'Sermos Galiza' conversa con Olaia sobre como afrontan este certame, no que os medios especializados de todo o continente sitúan as artistas galegas entre as favoritas, así como a dimensión que está a cobrar nas últimas datas a súa música. Elas, como di a letra de 'Terra', veñen "para quedar" e abrir o camiño ás novas xeracións.

“Aprender unha lingua é sempre unha riqueza, e penso que estamos a unir todas esas linguas minorizadas coa mensaxe de que vimos para quedar, para facernos ouvir, e para iso cómpre remarmos todas xuntas", sinalan nesta conversa.

Xoguetes

Non se sabe cal foi a orixe do xoguete mais si hai conciencia do necesario que é. Forma parte dunha etapa da nosa vida e mesmo transcende idades. Non é exclusivo do ser humano mais si foi este quen o desenvolveu ao tempo que evolucionaba socialmente. Eses primeiros obxectos deseñados para gozar de momentos únicos hoxe forman parte de museos que chegaron a nós grazas ao traballo de persoas que dedicaron tempo e diñeiro na súa localización e conservación.

O xornalista Antón Escuredo lévanos na súa reportaxe neste semanario polos xoguetes de museo e os coleccionistas destes elementos, que tamén na Galiza teñen unha historia de seu.

E este Sermos Galiza trae moito máis. Así, o colectivo Xea lévanos de percorrido pola Fisterra da costa exterior. Desde a praia do Rostro ao cabo Fisterra. Paraxes e experiencias únicas por cantís, areais, cabos...

E temos, como non, unha cita cos libros da man de Mario Regueira e con Manuel López Foxo a debullarnos ‘Circe ou o pracer do azul’ de Begoña Caamaño. E tamén falamos de música, con Herminio González e Jásper tomando o pulso do que se move na escena na Galiza.

O crítico de cinema, Andrés Castro, fálanos de novidades e filmes de interese e na sección de Arte Carlos L. Bernárdez achéganos “a natureza distópica de Xosé Luís Otero”.

Cilia Torna pon o ramo a este número falando de Isabel Algarra: “Naceu galega en Madrid. Andaluza de Xaén, a terra dos "aceituneros altivos" que escribiu Miguel Hernández, fixo súa a nosa patria alá pola década dos anos 20, da man do seu compañeiro da vida e da loita Xosé Ramón Fernández Oxea”.