Sondaxe de EM-Analytics: A maioría da poboación galega rexeita a celulosa de Altri na Ulloa
A oposición social á celulosa proxectada pola multinacional portuguesa Altri e a súa parceira galega Greenalia –a través da sociedade Greenfiber– en Palas de Rei (A Ulloa) é clara. A última enquisa elaborada polo instituto demoscópico EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario, resultado dunha mostra de 700 entrevistas realizadas por vía online e telefónica entre o 11 e 16 de xuño, sinala que 55,7% da poboación galega se mostra contraria a esta nova pasteira. Pola súa parte, apenas 18% das persoas entrevistadas expresan unha opinión favorábel ao proxecto, e 26,3% non se manifestan "nin a favor nin en contra".
A sondaxe concreta o alcance do apoio e do rexeitamento á celulosa da Ulloa. Neste sentido, entre 18% das persoas entrevistadas que se declaran partidarias da pasteira 5,4% maniféstanse "moi a favor" e 12,6% só "a favor". Ao tempo, do 55,7% da poboación que se opón ao proxecto, 32,2% maniféstase "moi en contra" e 23,5%, "en contra", rexistrando os resultados unha relativa homoxeneidade no conxunto das circunscricións electorais galegas. A este respecto, as porcentaxes de rexeitamento máis elevadas danse na Coruña e as máis baixas en Ourense.
A oposición ao proxecto mantén un nesgo ideolóxico mais é transversal no plano político. Segundo recolle a enquisa de EM-Analytics, o maior rexeitamento á celulosa procede daquelas persoas que se din votantes do BNG, até o punto de que 84% das mesmas son contrarias á iniciativa de Altri e Greenalia. Pola contra, as porcentaxes de apoio máis elevadas á pasteira de Palas de Rei chegan do electorado de Vox, que nun 50% é favorábel ao proxecto. Ao tempo, 84% dos votantes de Democracia Ourensá din estar "nin a favor nin en contra" da pasteira.
Até 38,8% do electorado do Partido Popular declárase contrario á celulosa de Palas de Rei, manifestándose 8,2% "moi en contra" e 30,6%, "en contra". Nunha dirección diferente, 40,8% das persoas votantes desta formación confesan o seu apoio ao proxecto promovido por Altri e Greenalia, expresándose 12,2% delas "moi a favor" e 28,6%, "a favor". Asemade, 20,4% do corpo electoral dos populares asegura non estar "nin a favor nin en contra" da pasteira. Neste sentido, a enquisa de EM-Analytics desvela unha fenda significativa entre a posición adoptada pola dirección do PP, partidaria e gran valedora na Galiza da macrocelulosa, e unha parte significativa do seu electorado.
Fenda no PP
A posición sobre Altri divide en dúas metades a base electoral do PP, que rexistra un empate técnico no apoio e oposición ao proxecto. Os datos da sondaxe indican que entre as persoas votantes desa formación os niveis de apoio á celulosa só superan en dous puntos porcentuais os índices de rexeitamento. A foto deste estudo debuxa un escenario problemático para os populares, ante a evidente desconexión entre a postura oficial do partido e a dunha porción relevante do seu electorado. Na mesma orientación, evidencia as dificultades do partido para gañar a batalla da opinión pública, malia contar neste labor co apoio da gran maioría dos medios de comunicación públicos e privados do país.
A translación electoral dos conflitos sociais cunha importante dinámica de mobilización nunca é automática nin inmediata, estando suxeita a procesos lentos ligados a cambios de fondo na conciencia social. Aínda é demasiado cedo para determinar o alcance no comportamento electoral da cidadanía galega do movemento de oposición a Altri, se ben xa logrou marcar a dialéctica política do país neste último ano e medio, situando o Partido Popular, que gañou en febreiro de 2024 as eleccións galegas cunha ampla maioría, á defensiva fronte a un movemento de contestación social que lle define a axenda.
Oposición maioritaria á pasteira no BNG e no PSdeG
A maioría do electorado do BNG e do PSdeG maniféstase en contra da celulosa de Palas de Rei de Rei, rexeitada por 84% das e dos votantes nacionalistas e só apoiada por 7,1% dos mesmos, merecendo a oposición de 48,2% dos electores socialistas e contando co aval do 29,6%. Pola súa parte, só 5% da base de apoio a Democracia Ourensá se opón á pasteira, declarando 84% dela que non está "nin a favor nin en contra" e 11% a súa posición favorábel.
A sondaxe de EM-Analytics abre importantes expectativas para as forzas políticas opostas ao proxecto de Altri, dado que a maioría do electorado indeciso e abstencionista tamén se declara contrario á celulosa e os resultados electorais dependen en boa medida da capacidade para mobilizar e decantar ese voto, considerado chave en todos os comicios.
A metade do electorado indeciso rexeita o proxecto de Altri. Neste caso, 35% maniféstase "moi en contra", 15% "en contra", 35% "nin a favor nin en contra", 10% "a favor" e 5% "moi a favor". Na mesma orientación, 54,9% das persoas que se sitúan na abstención opóñese á pasteira, afirmando 35,5% delas estaren "moi en contra", 19,4% "en contra", 38,7% "nin a favor nin en contra", 3,2% "a favor" e 3,2% "moi a favor". Falta por coñecer que porcentaxe dese sufraxio é 'non declarado', onde tradicionalmente predomina o voto de orientación conservadora, se ben nas circunstancias actuais pode tamén incluír sufraxios socialistas.
Un conflito de fondo sobre o modelo da Galiza
Un ano e medio despois de que a multinacional portuguesa Altri e a súa socia galega Greenalia presentaran baixo a marca empresarial Greenfiber o seu estudo de impacto ambiental (EIA) para erguer unha celulosa en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, a sondaxe de EM-Analytics publicada na súa edición de hoxe en exclusiva por Nós Diario, retrata un escenario moi diferente ao avanzado naquela altura polos responsábeis da Xunta da Galiza, principal impulsora do proxecto desde a segunda metade de 2020, que presumía dun "consenso social" sobre o proxecto.
A enquisa de EM-Analytics certifica unha maioría social clara contra a celulosa. Ao tempo, o seu rexeitamento no conxunto das catro circunscricións galegas evidencia o carácter nacional do conflito, asumido como un problema de país polo sociedade galega máis alá do seu impacto concreto en determinadas comarcas e territorios. A percepción da cidadanía do proxecto evidencia a capacidade para articular discursos socialmente hexemónicos, contra o relato do poder político e económico e das sucursais mediáticas. E, en definitiva, os datos da sondaxe debuxan un triunfo da mobilización social e deixan ao descuberto as debilidades do PP.