“Son moitas as persoas cazadoras que desaproban estas competicións de caza de raposo”

Adega considera que hai unha responsabilidade política e das administracións por fomentar uns campionatos “que van en contra do desexo maioritario da poboación galega”. 

 

O campionato de España de caza do raposo que  vai ter lugar o vindeiro 3 de febreiro nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei e A Estrada; continúa a xerar rexeitamento. Adega incide na “forte oposición social” a este tipo de campionatos, unha oposición que “non é exclusiva dunha parte da poboación galega que vive nas urbes, tamén e causa de rexeitamento maioritario da poboación do medio rural”. E destacan que  “incluso son moitas as persoas cazadoras, que tanto a título individual coma por medio de asociacións cinexéticas galegas desaproban estas competicións que pouco teñen que ver coa caza ordenada“.

 

Para esta asociación, hai unha responsabilidade política e das administracións por fomentar uns campionatos “que van en contra do desexo maioritario da poboación galega”. Denuncia uns campionatos que “rompen co compromiso de aplicar un modelo de práctica cinexética que resulte o menos lesiva para a biodiversidade conforme propugna a “Carta Europea sobre a Caza e Biodiversidade” adoitada en virtude do Convenio Europeo de Berna”.

 

Estes campionatos, prosegue, non son coherentes cos principios reitores  de “protexer, conservar, fomentar, e aproveitar ordenadamente os recursos cinexéticos” da Lei 13/2013, de 23 de decembro, de caza de Galiza, “onde se establece un aproveitamento ordenado mediante Plans de ordenación cinexética e os Plan anuais. Como podemos cazar o máximo número de raposos cando debemos seguir as directrices contidas en ditos plans? Entón, para que serven ditos plans?”.