Aparece un lobo morto en coincidencia coa realización dun campionato de caza do raposo

ADEGA, a Asociación para a Conservación e o Estudo do Lobo Ibérico (ASCEL) e o Grupo de Estudio dos Animais Salvaxes (GEAS) demandan unha investigación.

O cadáver do lobo, que apresentaba tres orificios compatíbeis con ferida de perdigón, foi atopado por un veciño de Barro no lugar de Valiñas.

 

O achado prodúcese na zona en que se estaba a realizar un campionato de caza do raposo, en que terían tomado parte máis de 300 cazadores.

 

A meio dun comunicado conxunto, Adega, a Asociación para a Conservación e o Estudo do Lobo Ibérico e o GEAS cualifican o suceso como "moi grave" ao amosar "o desprezo dalgunhas persoas polo patrimonio natural e o respecto ás leis".

 

Reiteran a súa oposición á realización dos campionatos de caza de reposo por seren reprobábeis do ponto de vista moral e careceren de xustificación científica

 

"Lembramos", afirman, "que a caza do lobo nesta zona está totalmente prohibida ao abeiro do Plan de Xestión lobo agás autorizacións moi excepcionais".

 

Para Adega, ASCEL e o GEAS, os campionatos de caza de raposo carecen da suficiente vixilancia. Alertan de que o vindeiro domingo se vai realizar unha nova proba destas características en Dozón e piden que se cancele de non se estabelecer as garantias necesarias para impedir que se volte a atentar contra animais protexidos. En todo caso, reiteran a súa oposición á realización destes campionatos "por resultar unha competición en que se premia a habilidade de matar o maior número de raposos no menor tempo posíbel".

 

As organizacións ambientalistas instan a administración galega a que "actúe firmemente e de oficio ante os actos de furtivismo por desgraza habituais na comunidade galega e que se persigan por vía penal con sentenzas exemplares". No comunidade de imprensa, Adega, ASCEL e o GEAS alegan que os campionatos de raposos non só son reprobábeis do ponto de vista ético e moral, senón que "non teñen xustificación científica, e fanse á marxe da planificación cinexética dos TECORES [terrenos cinexeticamente ordenados]".