Colectivos da Costa da Morte piden a paralización do campionato de España de caza do raposo que vai decorrer en Galiza

“Non é legal nin ético nin racional unha práctica cruel, irracional, depredadora”, denuncian a respecto do campionato que vai decorrer en 3 de febreiro en varios concellos pontevedreses.

Dez organizacións, asociacións e colectivos da Costa da Morte veñen se sumarse á lista, cada máis larga, de voces que rexeitan a realización do Campionato de España de caza do repaso que vai ter lugar o vindeiro 3 de febreiro nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei e A Estrada.

 

Asociacións como Senda Nova, Salvemos Cabana, Petón do Lobo, Ouriol do Anllóns, a Asociación de veciños de Cereo, Contramínate de Laxe, Cova Crea, a Plataforma pola Defesa de Corcoesto e Bergantiños, a Plataforma pola defensa da Terra de Coristanco e a asociación veciñal e cultural río Lourido de Valenza, piden a paralización inmediata do campionato, pola “vulneración flagrante e manifesta da Lei de caza vixente e do artigo 45 da constitución española”, segundo se indica nun comunicado.

 

Esta segunda feira, algunhas destas entidades teñen previsto enviar o seu posicionamento á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e á Valedora do Pobo, xa que “non existe ningún interese público na organización destas batidas e campionatos que cada vez contan con máis repulsa e rexeitamento social”.

 

Este campionato de caza de raposo, indican, non ten ningún obxectivo de xestión da especie, vulneran a Lei 13/2013 de caza de Galiza, incumprindo os principios xerais da actividade cinexética, tal e como están previstos na propia lei: "protexer, conservar, fomentar, e aproveitar ordenadamente os recursos cinexéticos de modo compatible co equilibrio natural".

 

“Non é legal nin ético nin racional unha práctica cruel, irracional, depredadora que consiste en matar o maior número de raposos no menor tempo posible”.