Dez entrevistas que demostran que "Somos quen de producir": Especial 'Sermos Galiza' Día da Patria Galega

Detalle da capa do especial 'Sermos Galiza' con motivo do Día da Patria Galega (Imaxe: Pepe Barro)

Sermos Galiza regresa ás casas e quioscos máis un sábado e o deste 23 vai ser especial. Un número que, con motivo do 25 de xullo e baixo o título Somos quen de producir, recolle dez entrevistas a representantes de empresas do tecido produtivo galego.

Este sábado, 23 de xullo, acompañará Nós Diario un Sermos Galiza especial con motivo do Día da Patria Galega. Unha publicación especial que, titulada “Somos quen de producir”, recolle entrevistas con persoas vinculadas a empresas do tecido produtivo.

É o caso da conversa con Lito Andión, xerente da cooperativa Queixos Hoxe, radicada na comarca do Deza, que explica como foron quen de triplicar a producir e de entrar en grandes superficies como Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski ou Carrefour. Tamén defende a importancia da proximidade á hora de pór os produtos no mercado e advirte das consecuencias do encarecemento da factura eléctrica.

Alejandro Argibay, directivo da compañía de auga filtrada Augaplus, localizada no concello de Ames, revela as características principais deste sistema de abastecemento de auga, pioneiro na Galiza e que cada vez conta con máis persoas usuarias. Aliás, Argibay refírese ao aproveitamento dos recursos hídricos no país, e de cal é o horizonte para un sector cada vez máis afectado pola seca.

José Luís García, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, pon de manifesto como afectan o clima, o solo e as variedades de uvas á produción de viño. Un viño no que é protagonista indiscutíbel o godello. Advirte de que “estamos nun punto de inflexión” e de que “se as cousas van como deben ir, en cuestión de catro ou cinco anos deberíamos ter un salto en termos de presenza nos mercados”.

Pedro González Boquete, director executivo de Leite Noso, a sociedade que comercializa Deleite, valoriza a calidade do sector leiteiro galego e salienta as fortalezas e debilidades da produción láctea e das explotacións, sempre coa ollada posta na preservación do emprego no campo e no leite de maior calidade.

Sermos Galiza tamén publica a conversa con Xosé Lois Lamazares, coordinador xeral de Galletas Daveiga, que debulla a chave do éxito dunhas bolachas que non deixan indiferentes a ninguén. Desde Chantada, explica a adaptación moderna do coñecido como pan ou biscoito de barco: as Galletas Mariñeiras, unha solución dos mariñeiros para conservaren o pan nas travesías oceánicas de forma natural.

A realidade do sector do mar chega da man de Eduardo Míguez, director adxunto do Porto de Celeiro, en Viveiro, onde se atopa 30% de toda a capacidade pesqueira do Estado español en augas comunitarias. Unha frota, explica, de carácter artesán e cun “saber facer” que fai do produto “unha diferenza a respecto do resto dos portos con menos tradición e experiencia que a nosa”. O Porto de Celeiro non só é unha lonxa, confórmano un grupo de 12 sociedades que prestan servizo á frota e que actúa como central de compras.

Melisa Pagliaro, directora de Márketing e Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa, realiza un repaso á traxectoria da empresa líder en distribución no noroeste da península Ibérica. Ademais de pór en valor o papel dos produtos frescos no modelo de negocio dos supermercados Gadis, salienta a importancia da “galeguidade” como unha das características da empresa.

Elena Pérez Canal, directora de Márketing e responsábel do departamento de exportación para Estados Unidos e Canadá de Aceites Abril, recolle o legado do seu pai, que en 1972 fundou a empresa en Ourense, para seguir fabricando e distribuír aceite de excelente calidade. Contan con 177 persoas empregadas, veñen de inaugurar unha segunda liña de refinado en San Cibrao das Viñas e impulsan o cultivo da oliva na Galiza coa gama Colleita Propia.

Ademais, Esteban Raposo, director xerente de Toldos Gómez, empresa con case un cento de traballadoras e traballadores e con seis vías de negocio, que van desde a protección solar e os téxtiles técnicos, que representan perto de 80% da facturación, ás lonas para o transporte, cintas de amarre e elevación e capas e estruturas, entre outras.

Por último, Paulo Rodríguez, director de Desenvolvemento e Comunicación de Dinahosting, relata como conseguiron converterse en líderes do sector, manténdose independentes de grupos de investimento foráneos. “Uns alicerces sólidos, un esforzo na actualización tecnolóxica e máxima atención e rigor no día a día nos fluxos de traballo e na atención á clientela” son factores que Rodríguez ve fundamentais na evolución da empresa.

Poderás facerte con este Sermos Galiza, o próximo sábado, 23 de xullo, nos quioscos. Se aínda non estás subscrita ou subscrito, podes facelo nesta ligazón.