A solución do sector do transporte ao colapso dos buses: reservar praza

Autobús na estación de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
A Xunta asocia o problema ás liñas de tren.

A Xunta da Galiza e as federacións de transporte de viaxeiras  e viaxeiros por estrada chamaron a facer uso da reserva previa como unha das fórmulas para a mellora do servizo, especialmente en momentos de alta demanda, unha proposta que, segundo puido saber Nós Diario, impediría o acceso aos descontos que ofrece a tarxeta de transporte metropolitano.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse esta terza feira en Compostela con representantes das federacións Anetra, Transgacar, Fegabus e Fegatravi para analizar posibilidades de mellora após o "caos" detectado co inicio do curso escolar, con centos de estudantes sen transporte e liñas saturadas de persoas viaxeiras.

En representación do sector tomou a palabra antes do encontro o presidente de Trasgacar, Carlos García, que sinalou que desde a implantación do Plan de transporte en 2019 vivíronse momentos de "complexidade". García citou a "carencia de man de obra" que, segundo indicou, rexistra o sector.

Estas cuestións "impiden" que dispoñan de máis medios para facer fronte a casos de "demanda puntual". "Fai falta ser capaces de improvisar un vehículo e un condutor e a cidadanía, ademais, demanda que este reforzo sexa inmediato", sostivo García, que apostou ademais por levar a cabo un "labor de información" á cidadanía, para que "programe os seus servizos" e "os reserve" cando sexa posíbel

Non obstante, o feito de reservar as viaxes en autobús impide acceder aos descontos que ofrece a tarxeta de transporte metropolitano, a cal só se pode usar –excepto as sextas feiras e os domingos– para pagar os billetes no momento da viaxe.

Aumento de viaxeiras

En declaracións aos medios, a conselleira explicou que desde comezos de ano detectouse un "incremento sostido" da demanda de usuarias de transporte público. Ademais, recoñeceu que a primeira sexta feira do curso universitario observouse "tensión" por esa "alza importante de usuarios". 

Para a titular de Mobilidade, a "alta demanda" rexistrada débese á recuperación da pandemia, aos incentivos económicos ás persoas viaxeiras pero tamén á "deficiencia dos servizos ferroviarios", con problemas reiterados de atrasos e colapso.