As solicitudes de adopción descenderon en 90% desde 2004

O coordinador da Asociación Galega de Adopción e Acollemento Manaia, Antón Mouriz. (Foto: Nós Diario)
Advirten da importancia de manter as relacións fraternais das crianzas

Entre o ano 2000 e o 2021 na Galiza rexistráronse un total de 3.925 solicitudes de adopción estatal e 5.765 internacionais. Neste período, o ano no que máis solicitudes de adopción internacional se presentaron foi en 2004, con 683, mentres que en 2021 só se rexistraron 65. É dicir, as demandas reducíronse en 90% nese intervalo temporal. Así o recollen os últimos datos do Portal Galego de Adopcións, que depende da Xunta.

O coordinador da Asociación Galega de Adopción e Acollemento Manaia, Antón Mouriz, explica a Nós Diario que a caída das adopcións “dáse por sorte” xa que "iso significa que son menos crianzas que precisan ser protexidas. “Debemos dar a mensaxe de que a adopción é unha medida de protección á infancia” baseada “no dereito das crianzas e non no das familias, pois non existe o dereito a adoptar senón o desexo”. Aliás, indica que cada vez se van tendo en conta diferentes opcións de adopción  e acollemento dependendo das necesidades da crianza. Con todo, mantén que o servizo de adopción galego -competencia da Xunta- funciona “regular”. “Precisamos máis persoal, hai técnicos e técnicas que teñen máis de 70 casos e así non poden traballar” asegura.

Unha das cuestións chave para Mouriz é que cómpre evitar a “gran separación” entre a adopción e a acollida. “Son dúas medidas diferentes pero que implican que unha familia coide dun neno ou dunha nena”, sinala. A principal diferenza entre ambas é a temporalidade. “A adopción é definitiva, mentres que a acollida é unha medida temporal na que as crianzas poden ter unha filiación coa súa familia de orixe aínda que esta non teña tutela”. Así, puntualiza que “a acollida ten unha visión de axuda á crianza nun tempo concreto”. Con todo, ambas medidas están moi vinculadas, sobre todo desde que en 2015 apareceu na Lei de infancia a figura da "adopción aberta" na que a crianza pode manter contacto coa súa familia de orixe no seu beneficio.

Perfil das familias

No referido ao caso galego, Mouriz sostén que non existe un perfil concreto de familias de acollida ou adoptivas, senón que resulta “moi variado”. “Por sorte aquí todo tipo de familia pode adoptar ou acoller a nivel Estatal sen ningún condicionante” e engade que “non existen dificultades para unhas familias fronte a outras”. Explica que o traballo da Administración é escoller o mellor fogar para cada crianza. Para isto, entre os principais requisitos que se teñen en conta á hora de seleccionar as familias está a idade. “Hai que ser maior de 25 anos e non pode existir unha diferenza superior a 45 anos entre a persoa que adopta e a adoptada” explica Mouriz. Ademais, é precisa unha estabilidade económica, contar cun fogar e superar unha serie de entrevistas para obter o certificado de idoneidade necesario no procedemento.

Por outra parte, tamén se priorizan as familias dispostas a acoller ou adoptar, se se dá o caso, varios irmáns ou irmás. “Os irmáns son as persoas que unen as crianzas á súa historia, é unha cuestión de identidade”, sostén Mouriz. Por este motivo, debe garantirse o mantemento das relacións fraternais e, de non ser posíbel, é necesario que as familias adoptivas se comprometan a que as crianzas manteñan o contacto. 

Precisamente, no día de onte, a ONG Aldeas Infantís SOS deu a coñecer un informe sobre a importancia de manter as relacións fraternais das crianzas que pasan por procesos de acollemento.

A asociación Manaia

Mouriz explica que Manaia é un punto de encontro onde as familias poden contactar entre elas e informárense sobre os procedementos para adoptar ou acoller. “Na asociación traballamos para as crianzas, non para as familias, pois poñemos o foco nos dereitos da infancia”, sinala Mouriz. Manaia ten un convenio coa Xunta da Galiza, o Programa de preparación, apoio e acompañamento ás familias adoptivas e acolledoras, no que se enmarcan diversos traballos vinculados ao acompañamento familiar e á orientación, así como distintas formacións que se imparten ás familias.