Un capítulo máis da loita dos galegos contra o fascismo en Euskadi

O sacrificio dos irmáns Losada Seoane

Os irmáns Losada Seoane eran cinco: Antonio, Daniel, Jaime, Javier e José. A familia orixinaria de Carballo, en Quiroga, traslada a súa residencia a Donostia, integrándose catro deles na Confederación Nacional do Traballo (CNT) e outro na Unión Xeral de Traballadores (UXT). Daniel deseguida vai destacar polo seu compromiso dentro do movemento anarcosindicalista.
Daniel Losada á esquerda da imaxe (Foto: Arquivo Celso Milleiro).
photo_camera Daniel Losada á esquerda da imaxe (Foto: Arquivo Celso Milleiro).

Iniciada a guerra en xullo de 1936 os irmáns Losada Seoane participan na defensa de Donostia integrados nas columnas de milicianos que fan fronte aos requetés navarros. Pola súa banda Jaime Losada dedícase á elaboración de bombas nos talleres incautados polo sindicato.

En outubro dese ano, practicamente toda Gipuzkoa está no poder dos golpistas e a familia evacúa a Bilbo. Son tempos do nacemento do Exército de Euskadi e deseguida os nosos protagonistas acoden a engrosar os seus efectivos. José faino no batallón 21 CNT Nº 1 Bakunin ao carón dos mariñeiros galegos de Trintxerpe. O resto dos irmáns recalan no batallón Nº 27 Castilla baixo a disciplina das Xuventudes Socialistas Unificadas, con Antonio como tenente da 1ª compañía (ascendido xa en Asturias a capitán) e Daniel como capitán da 3ª compañía. De todas as formas o compoñente cenetista no batallón é importante.

A acción de Kalamua

En xaneiro de 1937 releva o batallón Celta no monte Kalamua (Markina, Bizkaia) e en febreiro o rotativo CNT del Norte dá conta dun golpe de man contra as posicións que os franquistas manteñen no monte Ascensión protagonizado por Daniel Losada e un reducido grupo de milicianos. Así, o xornal recolle que “un grupo de camaradas do batallón Castilla realizou na madrugada de onte un golpe de man cuxa audacia demostra o valor de quen interveu na acción, de grande efecto bélico e seguramente proveitosa, pois hai detalles que proban que os facciosos sufriron baixas como consecuencia dela”.

A crónica continúa sinalando que “estes camaradas en número de 10 ou 12, tiveron a valentía de aproximarse a uns 25 metros dos parapetos inimigos do monte Ascensión, do sector de Elgueta, colocando dinamita que fixo explosión despois das dúas da madrugada, á vez que empregando bombas de man e de fusil simularon un forte ataque (...). Para os que coñecen o bravo capitán Losada, especialista nesta clase de operacións, non constituíu unha sorpresa (...). Por medio dun altofalante Losada daba ordes para atacar por todos os lados, berrando aos fascistas que se rendesen, pois Vergara caera no noso poder e estaban copados”.

A crónica sinala por último que “agora ben, convén non esquecer que para o bravo Losada e os seus camaradas de batallón non existe a palabra imposíbel no dicionario nin na guerra, e que con 20 quilos de dinamita sente capaz de ir tomando posicións at o mesmo pico de Ory. Saúde a estes valentes defensores da causa antifascista”.

A finais de abril do 1937 o batallón vese na obriga de retirarse da zona tras o derrube da fronte e pasa a defender Gernika e o monte Sollube. É nestas datas cando se produce o primeiro falecemento entre os irmáns. Javier Losada Seoane morre en Markina o día 25.

O batallón Castilla vai ser despregado en maio na fronte de Urduña (Bizkaia). A unidade está en cadro debido ás baixas producidas nos combates nos que vai participando. O 26 de maio non é quen de frear a ofensiva iniciada polos fascistas nesa mesma fronte.

En xuño o Castilla pasa a Cantabria. Moi debilitado en efectivos fusiónase co UXT Nº 4 Carlos Marx tamén falto de efectivos. En agosto todo se derruba e sabemos que Daniel Losada é recluído no penal de El Dueso (Santoña, Cantabria). Antonio ten ocasión de pasar a Asturias, e unha vez derrubada esta fronte, a finais de outubro de 1937, consegue evacuar nun barco cara a Francia e reincorporarse ás forzas republicanas en Barcelona.

O asasinato de Daniel Losada

Daniel vai ser fusilado na cadea. As súas derradeiras horas van mostrar o seu carácter indomábel. Cada mañá un centenar de prisioneiros forman no patio da cadea. Os militares obríganos a cantar o “Cara el sol” co brazo alzado ao tempo que izan a bandeira bicolor e os detidos deben berrar a viva voz “Arriba España!”. A mañá de 24 de novembro de 1937 Daniel Losada abandona a formación e adiántase aos compañeiros erguendo o puño berrando “Viva la República! Gora Euzkadi Azkatuta!”. Ese mesmo serán en xuízo sumarísimo é condenado a pena de morte.

Á mañá seguinte forman os mesmos prisioneiros do día anterior. Poden observar a Losada de pé contra un dos muros do patio atado e cos ollos vendados diante dun piquete de execución. A cerimonia que se celebra acotío dá comezo coa entoación do himno da Falange. Ízase a bandeira, e no intre no que se dan os berros de rigor, Daniel Losada aínda ten arrestos para protagonizar un novo acto de rebeldía. Coa bandeira ondeando no alto, soan os primeiros acordes da Marcha de Granaderos. Losada volve berrar: “¡Viva la República! ¡Viva la Libertad!” A detonación do piquete silencia o seu peito.

Os galegos en loita contra o fascismo

O caso dos irmáns Losada é un exemplo máis do compromiso dos galegos na loita contra o fascismo en Euskadi. Ao pouco de comezar o conflito, partidas de milicianos galegos espállanse polas provincias vascas para facer fronte ás columnas de requetés enviadas polo xeneral Mola desde Nafarroa.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios