Denuncia da Rede de Plataformas Medio ambientais

Sogama factura aos concellos adheridos 22 millóns de euros de máis malia seleccionar só 12% do lixo que recibe

Camión descargando lixo no vertedoiro de Sogama directamente.

A incineración e depósito en vertedoiro continúa a ser o destino principal dos residuos que chegan á planta, denuncian desde a rede de plataforma ambientais da comarca de Ordes.

A Rede de plataformas medio ambientais da comarca de Ordes considera que o modelo Sogama non funciona. Nin é quen de tratar adecuadamente os residuos que recibe e ademais fai pagar aos concellos unha factura moi superior (22 millóns de euros de máis) ao que custa o propio tratamento do lixo que recibe. Estas sona s dúas denuncias realizadas por esta rede, que tamén acusa a Xunta de facer unha “interpretación manipuladora” da realidade de Sogama para defender o seu modelo.

 

A Rede explica que Sogama ingresou en 2018 uns 112 millóns de euros. Bota man do custo medio do tratamento de residuos no Estado español (40 euros por persoa) e sáelle un custo de 90 millóns de euros. “Sogama estaría facturando aos concellos adheridos ao seu plan 22 millóns de euros de sobrecusto”, conclúen. Son pois, acrecentan, “uns beneficios de 25% para Sogama que consideramos absolutamente abusivos tendo en conta que se trata dun servizo público no que a maior parte dos concellos actúan como clientes cativos”.

 

Os concellos adheridos ao plan Sogama, que son 94 por cento do que hai na Galiza, pagan un canon por tonelada de lixo, que ronda, actualmente, os 70 euros. “Esta taxa pagámola toda a cidadanía coa confianza de que este lixo se separe e se recicle na planta do Concello de Cerceda”.

 

A isto engaden que en Sogama, denuncian, só se selecciona 12% de todo o lixo que recibe procedente de toda Galiza e que “a queima dos residuos e o depósito no vertedoiro da Areosa seguen a ser os principais destinos” deses residuos embora o investimento d máis de 47 millóns de euros ien melloras da planta. “Estamos pois, ante unha realidade que confirma a penosa xestión da empresa responsable de xestionar o 83% do residuo urbano de Galiza”.