De Grixoa ás Pías, a Xunta non sabe onde enterrar o lixo que se trata mal

[Imaxe: BNG] Xosé Luís Rivas e Luís Bará, durante unha comisión de Medio Ambiente no Parlamento.
O deputado nacionalista Xosé Luís Rivas ‘Mini’ presenta esta sexta feira unha iniciativa exixindo que se paralice o enterramento de lixo que supera os límites de carbono orgánico disolvido e se suspenda o proxecto de ampliación do vaso na planta de tratamento das Pías (Sobrado).

A comisión de Medio Ambiente do Parlamento galego debaterá esta sexta feira unha proposición non de lei presentada polo BNG para frear os danos que causa o enterramento de residuos nun área especialmente sensíbel na serra do Bocelo, entre os nacementos dos ríos Mandeo e Tambre.

As nacionalistas advirten que a empresa Gestán Medioambiental recibiu a autorización para ampliar a capacidade de depósito no Centro de Tratamento de Residuos Industriais das Pías, en Sobrado, o que lle permite duplicar o volume, cando hai apenas catro anos que se legalizou o vaso actual. “Teñen previsto un novo vaso de 530.000 metros cúbicos máis para depositar rexeites, cando o vaso actual legalizouse daquela maneira”, di Xosé Luís Rivas Mini, deputado nacionalista. 

Segundo o BNG, ao vaso actual réstalle pouca capacidade (aproximadamente, un 20%) e de aí as présas pola ampliación. Mais, Rivas sinala tamén que a presión sobre a planta das Pías vai en aumento. “Antes viñan para aquí os rexeites do lixo dos oito municipios da área da Coruña, pero agora tamén virán os da cidade da Coruña porque a Xunta suspendeu a relación comercial coa planta de Grixoa, en Compostela, que era onde ían até antes do verán”.

Apunta o deputado que parte do problema en Grixoa era que os rexeites [o que queda despois da primeira separación nas plantas de tratamento, ao redor dun 60%] superaban os niveis de carga orgánica e o vertedoiro carecía da autorización para enterrar ese tipo de restos. En marzo, a Xunta advertiu ao Concello da Coruña que tería que derivar os rexeites que saían de Nostián, a planta de tratamento coruñesa, a outro vertedoiro. O elixido foi o das Pías, que presentou unha mellor oferta ca de Sogama. “Como pode Sogama, que apenas fai reciclaxe, cobrar un prezo de 55 euros por tonelada métrica, e Gestán 31 euros con portes incluídos?”, pregúntanse as nacionalistas.

“O que denunciamos é que a Consellería de Medio Ambiente incorre nunha prevaricación, porque se os rexeites non eran aptos para seren enterrados en Grixoa, tampouco o son para As Pías”, advirte Rivas, e engade un elemento máis para xustificar a súa desconfianza sobre a solución que a Xunta ofrece nas Pías. “Gestán tamén recibiu autorización para xestionar lixiviados doutros complexos, e iso sen que se modificase a autorización ambiental, sen que notificara os cambios a Augas de Galiza e o punto no que vai verter, e sen que, polo que sabemos, se mellorasen as instalacións”. 

A actividade da CTRI das Pías na serra do Bocelo afecta aos ríos Mandeo e Tambre, que desembocan respectivamente nas rías de Betanzos (lugar elixido esta quinta feira polo BNG para lanzar a alerta) e Noia. “Un suicidio ambiental”, di Rivas.

A lexislación sitúa o límite para enterrar este tipo de residuos nunha concentración de carbono orgánico disolvido (COD) de 800 miligramos por quilo. As analíticas dos rexeites de Nostián superaban eses niveis e levaron a cancelar o seu tratamento en Grixoa, pero non nas Pías, cando a planta de Nostián xestiona o lixo da cidade da Coruña e tamén o dos oito concellos da área metropolitana. En Grixoa, as analíticas deron a alarma. Nas Pías, non. E agora As Pías soportarán toda a carga. 

Por iso o BNG demanda na súa proposición dúas medidas inmediatas: a paralización dos vertidos que superan o límite legal de COD, e a suspensión do proxecto do novo vaso. 

Pero Rivas explica que esta denuncia quere ir máis alá, e pon o foco sobre a idoneidade do vertedoiro das Pías para o tratamento de residuos orgánicos e tamén sobre a xestión do lixo a nivel de país. “O sistema Sogama non funciona e a Xunta de Galiza non se toma en serio a reciclaxe. Nin fai respectar a normativa, que se conculca continuamente, nin inviste en Nostián. É unha suma de irregularidades e un suicidio ambiental, non só neste caso, senón tamén noutros”. 

O deputado do BNG tamén interpelará á Xunta na comisión sobre as razóns da mala xestión en Nostián que dan como resultado rexeites perigosos, e tamén, onde vai parar a compostaxe que se prepara nesa planta coruñesa, que é o elemento de valorización d o procesado.