Sogama produciu na planta de Cerceda 0 kg de compost en ano e medio

Complexo de Sogama en Cerceda nunha imaxe de arquivo. (Foto: Sogama)
A planta de biorresiduos abriu hai e medio despois dun investimento de dous millóns e medio de euros, nese tempo non se produciu ningunha cantidade de abono e só tres concellos aceptaron levar alí os seus residuos orgánicos. A pesar disto, tres plantas de biorresiduos están en construción na Galiza.

Ano e medio despois da inauguración da planta de xestión de biorresiduos de Sogama en Cerceda, na que se investiron 2,5 millóns de euros e que segundo cálculos da empresa ía producir 4.000 toneladas de compost de alta calidade que podían ser usados sen restricións na agricultura, da planta “non saíu ningunha cantidade” de fertilizante, segundo recoñeceu na quinta feira en comisión parlamentar María Sagrario Pérez Castellanos, directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

A pesar destes resultados, en abril pasado o presidente da Xunta comprometía un investimento de 52 millóns de euros para cumprir cos obxectivos da Unión Europea sobre biorresiduos, incidindo en que a meirande parte deste orzamento está dirixido á construcións de tres novas plantas de biorresiduos en Vilanova de Arousa, Cervo e Verín, un por cada provincia que aínda non contaba cunha infraestrutura destas características.

Na resposta a pregunta de Luís Bará, responsábel de Medio Ambiente do BNG no Parlamento da Galiza, Pérez explicou que até o de agora só Cerceda, A Laracha e Carballo están a enviar os seus residuos orgánicos a esta planta, iso sumado ao “proceso que ten a compostaxe”, apuntou a directora xeral, limita as posibilidades de produción, malia que confía en que nos vindeiros meses teñan un “compost de calidade”.

“Hai moita marxe de mellora”, recoñeceu Pérez.

Evitar un accidente como o de Zaldibar

O deputado do BNG, Luís Bará, criticou a directora xeral por non mencionar se a Xunta ten algunha actuación prevista ante a avaría na planta de incineración de Sogama, que implica un retraso en todo o sistema, incluíndo a planta de clasificación, obrigando a que o transporte teña que agardar até 10 horas para descargar os camións, o que leva a que sexan desviados directamente ao vertedoiro para evitar o colapso.

Asemade, pediu medidas urxentes para evitar un accidente como o acontecido no vertedoiro de Zaldibar (Euskadi). 

Así explicou como no vertedoiro de Areosa (Cerceda) os condutores dos camións levan o lixo por unha superficie inestábel e flotante co eixo do vehículo no aire, segundo denunciaron os mesmos transportistas.