A deputada do PP, Marta Nóvoa, asegurou que o seu partido está a prol da compostaxe dos residuos, se ben defendeu a incineración por ser unha técnica "permitida pola Unión Europea" e que empregan até "seis comunidades autónomas" en España.
Así o aseverou esta terza feira, 9 de febreiro, no pleno do Parlamento galego, en resposta ás críticas que BNG e PSdeG realizaron en contra da nova lei de residuos e solos contaminados, unha norma que a Cámara validou cos votos a prol do PP en solitario.
O deputado do BNG Luís Bará cargou contra o modelo de "incineración" de Sogama, a "gran factoría do cambio climático".
Fronte a este modelo, reivindicou o plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, que incide en "tratar os residuos na proximidade". A popular Nóvoa replicou que este proxecto da Deputación "só" conseguiu diminuír "0,86% a emisión de residuos a Sogama" na provincia "e grazas a Vigo, que non está no plan Revitaliza".
A deputada Paloma Castro (PSdeG) advertiu que a lei non atende o impacto que trouxo a crise sanitaria ao medio e afirmou que ficará "obsoleta" en tan só "uns meses", coa aprobación da nova norma estatal de residuos.
Os restaurantes terán que entregar as sobras
A nova lei galega ten como obxectivo principal diminuír os residuos, de modo que en 2025 deberán ser na Galiza 15% inferiores aos de 2010.
En canto aos residuos alimentarios, o obxectivo é reducilos en 30% para 2025 e en 50% para 2030, o que está directamente vinculado á obrigatoriedade de que os restaurantes entreguen as sobras das comidas á clientela, unha entrega que ha de ser en envases sen plásticos e preferentemente reutilizábeis.