1.602 € por metro cadrado

Sobe o prezo da vivenda na Galiza

A Galiza despunta na suba do prezo da vivenda

O prezo da vivenda nova aumentou un 3,2% na Galiza no primeiro semestre do ano, segundo o Estudo de Mercado de Vivenda. A Sociedade de Taxación realizou unha comparativa do prezo da vivenda entre a Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi e Nafarroa. Desa análise despréndese que na nosa nación é onde mais se incrementou o prezo, situándose o custo medio do metro cadrado en 1.602 euros.

Durante o primeiro semestre de 2019 o prezo da vivenda nova incrementouse na Galiza nun 3,2%, segundo o Estudo de Mercado de Vivenda. Nunha comparativa realizada con Asturias, Cantabria, Euskadi e Nafarroa, a nosa nación despunta como o territorio onde máis medrou o prezo, situándose o metro cadrado en 1.602 euros de media.

O documento realizado pola Sociedade de Taxación sinala que o prezo dunha vivenda nova de tipo medio aumentou tanto na Galiza como no terzo norte do Estado español, mais o noso país encabeza as posición cun incremento dun 3,2% respecto a datos de hai un ano (xullo de 2018), situándose o custo medio do metro cadrado en 1.602 euros o metro cadrado. A Galiza é quen máis experimenta este incremento, seguida de Euskadi cun 2,7% e 2.693 euros o metro cadrado, Nafarroa cun 2,5% e 1.891 euros o metro cadrado, Cantabria cun 2,3% e 1.840 euros e Asturias, cun 2,1% e 1.588 euros.

Na Galiza diminúe o Índice de confianza inmobiliaria que analiza o estudo, pasando do 54,7 a 54.

En canto á variación dos prezos por metro cadrado nas principais cidades galegas, Pontevedra sitúase á cabeza do aumento, cun 5,2% de incremento respecto ao mes de xullo de 2018 e 1.325 euros por metro cadrado.

Séguena A Coruña, cun 3,5% de aumento e 1.786 euros por metro cadrado, Vigo cun 2,8% e 1.526 euros, Santiago, onde os prezos crecen un 2,6%, até 1.536 euros; Ourense onde aumenta nun 2,1% e 1.550 euros e Lugo que sobe un 2,1% e 1.436 euros.

Na Galiza diminúe o Índice de confianza inmobiliaria que analiza o estudo, pasando do 54,7 a 54.

En canto ao denominado como Índice de esforzo inmobiliario, co que se analiza o número de anos de salario íntegro que unha persoa “con ingresos medios” necesita destinar á compra dunha vivenda “de tipo medio”, a Galiza despunta nos primeiros postos en canto a maior esforzo se precisa, situándose a media en 7,2 anos, fronte ao 6,8 do pasado ano.

A Galiza despunta nos primeiros postos en canto a maior esforzo salarial se precisa para mercar unha vivenda

O Índice de accesibilidade á vivenda, que analiza a relación entre a capacidade adquisitiva real dunha persoa e o teórico necesario para a adquisición dunha vivenda, tamén empeora na Galiza, descendendo desde 109 a 107 puntos, mentres no Estado mellora.

A Sociedade de Taxación publicou a nova edición do Mapa do 'Tempo Urbanístico', onde ofrece unha visión global da situación do mercado do chan. Segundo o estudo, a actividade nas transaccións de chan segue centrada nas principais cidades, sobre todo na Coruña, Santiago e Vigo. "Destaca a situación da Coruña, onde se consolida a aparición de novas promocións e, por primeira vez, apréciase que este dinamismo comeza a estenderse a certas localizacións da súa área metropolitana", indica a Sociedade de Taxación. En Vigo, comézase a apreciar "certo interese" polo desenvolvemento de chans industriais-comerciais en "boas localizacións".