O prezo medio do aluguer aumentou na Galiza en 30% nun ano

Foto: Laura R. Cuba

O incremento do salario medio foi nese mesmo período de apenas 2%. Galiza está na cola do Estado en vivenda protexida rematada: só 12 en 2017.

Portugal, Berlín ou Nova York anunciaron nestes días medidas para regular os prezos dos alugueiros, conscientes da necesidade de intervir para frear unha ‘burbulla’ que afoga as persoas inquilinas. Ese aumento dos prezos do alugueiro tamén afecta Galiza, onde en só un ano, de marzo de 2017 a xuño de 2018, os alugueiros disparáronse en 30% ao pasar dos 445 euros mensuais a 581,5 euros. Son dados que recolle o portal Magnet a partir do Informe do Prezo da Vivenda en España.

Ese incremento de 30%, porén, é menor ao que experimentou o prezo medio no conxunto do Estado, e que foi de case 60%, se ben con fortes diferenzas entre territorios. A suba na Galiza de 30% contrasta co incremento do salario medio no noso país nese mesmo período e que foi de 2%.

O informe debulla esa evolución por provincias nese ano. Onde máis aumentaron os alugueres foi na de Pontevedra, con 46%, mentres en Lugo foi de 30% e na Coruña de 26%. En Ourense foi onde menos aumentou, 16%.

En mínimos

A construción de vivenda social en Galiza está en mínimos. En 2017 houbo 12  vivendas protexidas rematadas, a cifra máis baixa entre todas as comunidades do Estado español. A anos luz da vivenda social en Madrid e Barcelona, mais tamén de territorios con menos poboación ca nós, como Euskadi, Aragón, Asturies, Estremadura ou Castela-A Mancha.

En todo o Estado español entregáronse en 2017 as chaves de 4.938 pisos sociais. Só 12 na Galiza, o que supón apenas 0,2% do total. En Estremadura (1.600.000 habitantes menos que en Galiza) foron 216. En Nafarroa –a que cuadriplicamos en poboación– foron 192, o que supón 180 vivendas protexidas máis.

En 2017 apenas 0,2% das vivendas iniciadas na Galiza eran vivenda protexida fronte ao case 11% do Estado español. En 2016 tamén foi só 0,2% dos novos inmobles iniciados e en 2015 foi 0,3%. No primeiro ano de goberno Feixoo a porcentaxe era de 15,5% mentres no conxunto do Estado a media estaba en 49%.

Na Galiza hai case 12.000 persoas demandantes de vivenda protexida.