O goberno de Feixoo deixou sen executar 100 millóns de euros para vivenda pública

Foto: Laura R. Cuba

Das 2.000 vivendas protexidas iniciadas en 2009, último ano do bipartito, pasou a só 9 en 2016-2017.

O Estatuto de autonomía galego fixa que a Xunta ten competencia exclusiva en materia de vivenda. Mais a xestión que desta competencia fixo o Goberno galego dista de ser aceptábel á vista dos datos ofrecidos no Parlamento polo grupo socialista: nestes catro anos reducíronse “ao mínimo” as políticas de vivenda pública e ficaron sen se executar 100 millóns de euros.


As previsións de gasto en vivenda pública pasaran dos máis de 200 millóns de euros de 2009 -último ano do goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas- aos 68 millóns aos que se viron reducidos nos últimos catro anos, xa pasada a crise e cun goberno galego insistente en discursos de que estabamos na “recuperación económica”. O Programa de Acceso á Vivenda, por exemplo, ficou reducido a “menos dunha sexta parte”, segundo Fernández Leiceaga, portavoz socialista, desde os 108 aos 17,5 millóns de euros.


Os datos de vivendas protexidas iniciadas en 2009 superaron as 2.000 mentres que en 2016-2017 esa cifra reduciuse a 9. Ademais, apenas se cualificaron 16 vivendas protexidas en todo tipo de réximes, o que supón 0,17% das 9.132 de todo o Estado. No programa de Axuda ao aluguer de mozos e persoas necesitadas, en 2018 só executaron 700.000 euros dun programa de 3,7 millóns, co que só axudaron 350 persoas das 4.000 que o solicitaran.

 

A construción de vivenda social en Galiza está en mínimos. En 2017 houbo na Galiza 12 vivendas protexidas rematadas, a cifra máis baixa entre todas as comunidades do Estado español. A anos luz da vivenda social en Madrid e Barcelona, mais tamén de territorios con menos poboación ca nós, como Euskadi, Aragón, Asturies, Estremadura ou Castela-A Mancha.