Mudanzas nos concellos

Só Beade fica no nivel máximo de restricións e Sanxenxo e Baiona seguirán no alto

Sanxenxo, na imaxe, mantense no nivel alto de restricións (Imaxe: Beatriz Ciscar / Europa Press).

Despois da xuntanza do subcomité clínico na mañá da sexta feira, a Xunta da Galiza decidiu manter o nivel máximo de restricións en Beade, o único concello que fica fechado perimetralmente.

A Xunta da Galiza manterá o nivel máximo de restricións no concello de Beade, logo de escoitar na mañá da sexta feira as recomendacións do subcomité clínico de expertos que avalía a situación da Covid-19 na Galiza.

A xuntanza do subcomité tamén determinou o estabelecemento do nivel alto de restricións en dez concellos: Maside, Vilardevós, Cortegada, Abegondo, Ortigueira, O Saviñao, Baiona, Sanxenxo, Pazos de Borbén e Padrenda.

Ficarán no nivel medio de restricións os municipios de Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Camariñas, Cangas, O Carballiño, Carral, Celanova, A Coruña, Culleredo, A Laracha, Laxe, Neda, Pantón, Ribadavia, Sober e Xinzo de Limia.

No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00 horas da vindeira segunda feira, 29 de marzo. Precisamente, na terza feira está convocada unha nova reunión, neste caso do comité clínico, para actualizar os niveis de restricións por concellos.

Ademais, na xuntanza que decorrerá o 30 de marzo, o comité clínico revisará as normas que entraron en vigor o 19 de marzo co fin de reaxustar as medidas segundo a evolución epidemiolóxica na Galiza antes dos festivos da Semana Santa. De permitilo a situación sanitaria, a Xunta da Galiza podería aliviar as medidas após as feiras.

Nivel máximo