Covid: A Comisión de Saúde Pública acorda fechar o acceso ao interior dos bares en zonas de alto risco

Un instante da rolda de prensa sobre a situación de Madrid, hoxe mesmo. (Foto: M. Fernández / Europa Press)
Representantes dos distintos territorios do Estado español sentaron hoxe co Ministerio de Sanidade para revisar o coñecido como "semáforo Covid-19", que levaba sen actualizar desde outubro. A medida consensuada afectará, de momento, a Madrid, Catalunya, Euskadi, Ceuta e Melilla.

As zonas do Estado español consideradas de alto risco pola evolución epidemiolóxica do coronavirus terán que impoñer ao sector da hostalaría o fechamento do interior dos locais ao público, se ben poderán seguir dando servizo nas terrazas. Polo momento esta medida non afecta a Galiza, que xa ten unha política de limitacións en marcha segundo o nivel de afección de cada concello, pero podería ter un efecto nun futuro próximo no caso de producirse a cuarta onda da pandemia da que xa se fala desde distintos sectores.

A este acordo chegouse no día de hoxe no marco dun encontro da Comisión de Saúde Pública, na que están representados tanto o Ministerio de Sanidade como os distintos territorios do Estado español.

Todos xuntos aprobaron a actualización da folla de ruta titulada "Actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión da Covid-19", ou o que é o mesmo, o "semáforo Covid-19".

Na realidade, as prohibicións vanse producir cando unha zona estea en nivel de alerta alto ou moi alto chegando a unha incidencia superior aos 150 contaxios por cada 100.000 habitantes. Outro dos indicadores que se terá en conta é a presión hospitalaria.

"Nos niveis de alerta moi altos o feche de interiores da restauración é importante debido á importancia da transmisión nestes lugares, onde o número de persoas que se relacionan teñen un risco alto de transmisión. Cada vez dáse máis importancia á transmisión por aerosois, esa foi unha das claves para ser máis estritos cos interiores", indicaron desde o Goberno de Pedro Sánchez.

O documento, que non era modificado desde o 22 de outubro, incorpora esa novidade que agora afecta directamente á Comunidade de Madrid, Euskadi, Catalunya, Ceuta e Melilla. Polo tanto, foi recomendado que fechen ao uso da clientela o interior de bares e restaurantes. Aliás, a incorporación ao escrito implica que onde o risco sexa máis baixo a ocupación será do 50% e isto si se aplica na Galiza, nos casos que xa estaban máis avanzados.

En canto ás áreas exteriores dos negocios, deuse luz verde a que non haxa restricións cando a incidencia do virus sexa inferior a 50 persoas por cada 100.000, mentres que quedarán nun 75% nos niveis medio e alto e nun 50% cando se fale de risco extremo. Iso si, Sanidade considera que o máximo de lados fechados ao aire é de dous para "garantir que a ventilación é permanente".

Nestes momentos a taxa de incidencia no país está por debaixo dos 100 casos por cada 100.000 veciñas a 14 días. Hoxe anunciouse que a partir da segunda feira só se manterá o fechamento perimetral en Beade, o que implicará igualmente que non se poida acceder aos estabelecementos.