Só en 2 de cada 10 fogares galegos viven crianzas ou adolescentes

A área de Vigo é a que conta cunha maior porcentaxe de fogares con polo menos algún menor de 16 anos (24,22%).

Dos 1.075.898 fogares galegos, o 22,30% corresponden a persoas que viven soas. A tipoloxía máis habitual é a formada por unha parella con fillos (30,68% do total de fogares. Na Galiza existen 254.338 fogares compostos por persoas de 65 ou máis anos, o que supón  23,64% do total de fogares galegos. 

En 846.112 fogares galegos, 78,64% do total, non reside ningún menor de 16 anos. A porcentaxe máis alta de fogares sen persoas menores de 16 anos dáse na provincia de Ourense (83,49%) e a máis baixa en Pontevedra (76,70%). Por outra parte, o 93,53 % dos galegos non conta con ningún menor de 5 anos.

64,32% dos mozos e mozas galegas de entre 18 e 34 anos vive cos pais. Dos que teñen entre 25 e 34 anos e que viven cos pais, 14,85% non ten ningún tipo de ingreso. Esta porcentaxe sobe até 44,47% entre os mozos e mozas de 18 a 24 anos.

Dos sete grandes concellos da Galiza, Pontevedra é o que presenta unha maior porcentaxe de fogares formados por unha parella con fillos (un 37,77%). Por outra parte, en Ferrol 26,53% dos fogares está composto por persoas de 65 ou máis anos. No outro extremo atópase o concello de Compostela, onde esta porcentaxe é do 18,07%.

Por áreas xeográficas, na área de O Carballiño-O Ribeiro 34,71% dos fogares está composto por persoas de 65 ou máis anos. No extremo oposto sitúase a área de Caldas-O Salnés cun 17,47% de fogares desta tipoloxía. A área de Vigo é a que conta cunha maior porcentaxe de fogares con polo menos algún menor de 16 anos (24,22%).

A mocidade galega aínda non se recuperou da Grande Recesión. O seus niveis de ocupación continúan por baixo dos momentos previos ao estoupido da crise. Galiza marcou no pasado mes de xuño 83.000 empregos xuvenís menos que en 2009.

A poboación ocupada entre 16 e 29 anos reduciuse en 83.000 persoas nos últimos 12 anos. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), Galiza declarou en xuño de 2009, tras un ano de intensa destrución de emprego,  211.600 traballadores ocupados nesa franxa de idade. Neste caso, 8.400 deles situábanse na franxa de idade de 16 a 19, 60.400 na franxa de idade de 20 a 24 e 127.500 na franxa de idade entre 25 e 29. Así, as cousas a mocidade representaba nesa anualidade o 16,9% do total da poboación ocupada.