Só 1,5% de fogares galegos teñen un aluguer inferior ao prezo de mercado

(Foto: Arxina)
A porcentaxe no Estado ascende ao duplo, case 3%.

De cada 1.000 vivendas no Estado español, case 300 teñen un aluguer que está por baixo do prezo medio, unha situación que na Galiza só teñen 150 de cada mil. É un dos datos que figuran no Censo de Vivendas 2022 que vén de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE). Segundo ese mesmo estudo, 9,5% das vivendas teñen un aluguer a prezo de mercado na Galiza —15,2% no conxunto do Estado— mentres que na Galiza 82% dos fogares son en propiedade, por 76% no Estado.

Aliás, na Galiza case catro de cada dez vivendas existentes  (36 %) foron construídas entre os anos 1950 e 1980 (concretamente 563.764). 

Os seus cimentos acumulan catro décadas ás súas costas. Corenta anos nos que a construción evolucionou cara a un modelo moito máis sostíbel e respectuoso co medio ambiente. E mentres a vivenda máis nova —aínda moi minoritaria no cómputo global— incorpora os últimos avances en materia de sustentabilidade, centos de miles de pisos construídos ao longo da historia do noso país quedan ancorados no pasado.

Necesidades

Na Unión Europea hai por volta de 10 millóns de vivendas sen habitar, segundo datos das estatísticas da propia UE e que poñen sobre a mesa a disparidade entre este dato e a existencia na unión dunhas 700.000 persoas sen fogar que viven o seu día a día na rúa.

Porcentaxe

Un dato completa esta imaxe: na Galiza hai perto de 300.000 vivendas baleiras segundo o último censo oficial do Instituto Nacional de Estatística, cifra que a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) elevou a principios de 2022 a máis de 340.000. Unha cifra que representa, pois, entre 18% e 20% do total das existentes no país —máis de 1.600.000—. É a porcentaxe máis alta de todo o Estado español.

A tendencia decrecente na oferta de alugueres na Galiza continúa a provocar un paralelo encarecemento dos prezos destes. Esta situación dificulta o acceso á vivenda por parte da poboación galega, que nos últimos anos se viu obrigada a aumentar o seu esforzo económico para poder pagar os alugueres. 

O 2023 principiaba con ao redor de 3.300 persoas de menos de 35 anos de idade inscritas para solicitar un piso de aluguer público da Xunta da Galiza. A este número hai que engadir as 800 que agardan por poder mercar unha vivenda de protección. 

Neste sentido, os datos do último informe realizado por Atlas Real Estate Analytics revelan que a Galiza precisaría aumentar en 180.566 as vivendas destinadas ao aluguer para igualar as cifras das bolsas europeas deste tipo de vivendas.

Colectivos como a Rede galega contra a pobreza (EAPN) denuncian que as ao redor de 4.000 vivendas do parque público de vivenda para alugueiro social na Galiza representan só 0,32% das vivendas principais, é dicir, tres veces menos que a media estatal, de 0,96%, e 30 veces menos que no conxunto da Unión Europea (9,3%).