A situación é "grave": Veciñanza de Aguiño e Ribeira denuncia esperas de até tres semanas para obter unha cita en Atención Primaria
Veciñas e veciños de Aguiño e Ribeira volveron concentrarse esta sexta feira para reclamar “unha sanidade pública digna” e un servizo que é “un dereito básico e esencial como é a saúde”.
Centos de persoas concentráronse esta sexta feira na parroquia ribeirense de Aguiño (O Barbanza) para reclamar unha “sanidade pública digna”. A protesta contou co apoio do BNG local que reafirmou ademais o seu “compromiso” para conseguir a cobertura completa das prazas de persoal sanitario nos seus centros de saúde.
E é que día de hoxe, os consultorios de Ribeira e Aguiño carecen de catro médicos e un profesional adicional no Punto de Atención Continuada (PAC), unha situación que está a provocar esperas de até tres semanas para obter unha cita. Ademais, moitas persoas vense obrigadas a recorrer a servizos xa saturados, como o PAC ou as Urxencias do Hospital do Barbanza.
O caso de Aguiño é especialmente “grave”, xa que chegou a quedar sen ningún médico dispoñíbel. A solución provisional da Consellaría de Sanidade foi trasladar unha médica desde Ribeira, unha medida que só "transvasa o problema dunha localidade a outra, sen achegar unha solución real”, afirma o alcalde de Ribeira, o nacionalista Luís Pérez Barral, que participou da protesta decorrida esta sexta feira en Aguiño.
Pilar Millet, a portavoz da veciñanza, confirma esta situación a Nós Diario. “Moitas veces a doutora que atende en Aguiño só está catro horas. Se te atopas mal fóra desas catro horas tes que ir a Ribeira e alí hai o mesmo problema: non hai médicos suficientes”, explica. “O seguinte é acudir ao hospital, que tamén está saturado, pero é a única maneira de que che atendan”.
Mais o problema “non é só este”, senón que, con frecuencia, a atención sanitaria non é nin de catro horas. “Levamos toda a semana sen médico”, sinala Millet, que tamén cualifica a situación como “moi grave”.
O rexedor ribeirense destaca que o Goberno local enviou varios escritos ao conselleiro de Sanidade solicitando a cobertura inmediata das dúas prazas vacantes no consultorio periférico de Aguiño. Unha destas prazas quedou vacante por xubilación do titular, e a outra correspóndese cunha baixa de longa duración.
Actualmente, unha soa doutora está atendendo en Aguiño para cubrir dúas ausencias, o que provoca que haxa pacientes que non poidan recibir atención sanitaria nin obter cita en Atención Primaria, engadiu o alcalde. "Estarei ao lado dos meus veciños o tempo que faga falta, porque o primeiro ao que me debo como alcalde é aos seus intereses. Reclamarei sempre o que é de xustiza e un dereito básico e esencial como é a saúde”, conclúe Pérez Barral.
Desde a formación nacionalista lamentan as declaracións do Partido Popular no Parlamento galego, nas que se acusaban a veciñanza de Aguiño de ser “hostil” co Goberno da Xunta da Galiza.
Con todo, para o BNG, mais que “hostilidade” que sinala a Xunta, o que denota a mobilización da veciñanza ribeirense é “o profundo malestar da cidadanía pola falta de recursos sanitarios”. “É imprescindíbel que a Xunta tome nota do clamor popular e adopte medidas inmediatas que garantan unha atención de calidade. Esta loita non é só do BNG, é de toda a veciñanza de Aguiño e Ribeira, que merece unha sanidade pública forte e eficaz”, concluíron desde a formación nacionalista.

