Sanidade recúa e contrata persoal sanitario para Rianxo
Logo de seis meses de loita da Plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza en Rianxo –con concentracións diante do centro de saúde cada sexta feira–, nesta anunciou a súa intención de “pausar as concentracións” logo de que a Xerencia da súa área sanitaria recuase e chegase a un consenso.
O primeiro compromiso traduciuse na contratación de tres médicas para cubrir ausencias no centro de saúde de Rianxo, co que actualmente contan con 7 facultativas traballando e 1 cupo repartido. Isto aínda non se reflicte nas listas de agarda “polos atrasos acumulados”, mais a plataforma agarda que nos vindeiros meses se vaia normalizando a situación.
Tamén accedeu a Xerencia a solucionar o problema das urxencias polas tardes, anticipando o horario do punto de atención continuada (PAC) ás 15 horas e contratando un médico novo. A plataforma agarda que Sanidade cumpra "todo o prometido" e agradece o "esforzo" dos centos de persoas que acudiron estes seis últimos meses ás concentracións, así como o apoio de SOS Sanidade.
Tamén en Aguiño
A veciñanza de Aguiño, en Ribeira, volveu mobilizarse esta sexta feira demandando cubrir as dúas prazas de médicos a tempo completo. A día de hoxe, o tempo de agarda para obter cita en Atención Primaria chega nalgúns casos ás tres semanas.
“Imos defender os dereitos da veciñanza e non pararemos até que haxa o que corresponde: médicos e persoal sanitario suficientes para unha atención digna, sen esperas inxustificábeis nin consultas improvisadas por falta de profesionais”, asegurou o alcalde, Luís Pérez, que participou na concentración.
Nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño faltan, segundo denunciou o rexedor, catro médicos e outro no PAC. Actualmente en Aguiño a solución adoptada pola Consellaría de Sanidade foi sacar unha médica de Ribeira, "algo que só agrava o problema ao trasladar a carencia dunha localidade a outra". "Non é aceptábel xogar co benestar da xente deste xeito", sentenciou.

