O sistema sanitario galego, á cola do Estado en número de médicos

192 concellos galegos carecen de servizo de Pediatría. (Foto: Europa Press)
O informe do Consello Económico Social, que vén de facerse público, evidencia que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) está á cola do Estado en número de médicas e médicos, con 469,2 facultativos por cada 100.000 habitantes. Ao tempo, indica que a Galiza conta con 1.056 camas hospitalarias menos que no ano 2009.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) dispón de 469,2 médicos por cada 100.000 habitantes, unha cifra que o coloca nos postos de cola do Estado español e moi por baixo da media cifrada en 499 facultativos por cada 100.000 habitantes.

Neste sentido, só conta con menos médicos que a Galiza Melilla, con 353,2 facultativos por cada 100.000 habitantes, Ceuta, con 378.9 facultativos por cada 100.000 habitantes, Castela-A Mancha, con 396,2 facultativos por cada 100.000 habitantes, e Andalucía, con 432,3 facultativos por cada 100.000 habitantes.

A falta de médicas e médicos déixase notar nos diferentes niveis da asistencia sanitaria. Porén, é máis acusado en Atención Primaria. Segundo as últimas cifras ofrecidas polo Instituto Galego de Estatística (IGE), referidas a 31 de decembro de 2021, a Galiza contaba nese momento con 2.665 médicos en Atención Primaria, 46 menos que en 2020. Neste nivel sanitario recortouse o investimento público en dous millóns no último exercicio orzamentario, rexistrando unha caída de 7,5 puntos en relación con 2008.

Críticas do CES

O propio Consello Económico Social (CES), no seu último informe, evidencia esta situación, sinalando que "os últimos orzamentos [refírese a 2022] afondan no deterioro dos recursos da Atención Primaria, caracterizada pola perda de peso dentro do total sanitario desde a crise do ano 2008" e reclamando que "dadas as importantes carencias detectadas nos últimos anos, o CES considera que é fundamental, para reverter esta tendencia, dotar a Atención Primaria de recursos, tanto de persoal como materiais suficientes".

A Xunta destina a Atención Primaria 182,3 euros por habitante. Segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade, só inviste menos que a Galiza Madrid, con 147,97 euros, e as Illes Balears, con 178,38 euros. Así, o gasto neste servizo do Goberno galego é 79,4 euros por habitante inferior ao de Estremadura, 73,3 euros por habitante inferior ao de Castela-A Mancha e 61,6 euros por habitante inferior ao de Nafarroa.

Ao tempo, outros territorios cunha poboación menos avellentada que a galega superan o investimento por habitante do país, chegando no caso de Andalucía a 220,74 euros por habitante ou no País Valenciá a 196,46 euros por habitante.

Atención Primaria

A ausencia de profesionais en Atención Primaria afecta especialmente a Pediatría. Segundo o IGE, os centros de saúde contaban en 2004 con 405 pediatras, e en 2021 con 318. Así, 192 concellos carecen de servizo de Pediatría, reducíndose o número de profesionais desta especialidade en 22,5% desde 2009, con 40% dos profesionais superando 55 anos e co 25% por riba de 60 anos. De feito, o Sergas postergou en 2020 a xubilación a 20 pediatras de Atención Primaria por falla de persoas para cubrir as súas prazas.

Neste sentido, os cadros de persoal atópanse envellecidos en Atención Primaria. Segundo os datos recollidos do Sergas, o 15,9% dos facultativos dos centros de saúde da Galiza superan os 64 anos.

Así, 17 deles rexistran 70 anos, 258 atópanse entre os 66 e os 69 anos e 169 teñen 65 anos, como consecuencia dun proceso marcado polos recortes orzamentarios e pola falta de previsión por parte da Xunta da Galiza. Tanto é así que o Goberno galego, coñecendo as futuras dificultades de persoal, estabeleceu a xubilación obrigatoria aos 65 anos para estes profesionais entre 2013 e 2018.

A situación non é mellor no grupo de entre 63 e 64 anos. Neste segmento de idade atópanse 14,4% das médicas e médicos galegos de Atención Primaria, situándose 211 en 64 anos e 174 en 63 anos. Estes datos avanzan un empeoramento da situación nos próximos anos, como consecuencia dunhas políticas públicas que non incentivan que os facultativos fiquen na Galiza e que favorece a emigración a outras partes do Estado ou da Unión Europea.

Menos camas hospitalarias

O Goberno galego fechou 1.056 camas hospitalarias desde 2009. Segundo os datos do IGE, a decembro de 2008 os hospitais tiñan en funcionamento 7.453 camas, sendo 6.397 a finais de 2020. Así, nese período a Xunta reduciu o número de camas na atención especializada en 15,1%.