Os colexios de Medicina rexeitan a pretensión da Xunta de que os MIR poidan realizar as gardas nos PAC

O Consello Galego de Colexios de Medicina sinala que deixar persoal en formación a cargo das tarefas sanitarias dos PAC sen supervisión vai en contra da lei, así como da seguridade do propio persoal en formación e dos pacientes.
A Consellaría de Sanidade defende que persoal médico no seu último ano de formación faga gardas nos PAC (Foto: Europa Press).
photo_camera A Consellaría de Sanidade defende que persoal médico no seu último ano de formación faga gardas en solitario nos PAC (Foto: Europa Press).

O Consello Galego de Colexios de Medicina asegura que un Médico Interno Residente (MIR) no seu último ano de formación da especialidade de Medicina familiar e comunitaria non pode realizar gardas como médico asistencial nun Punto de Atención Continuada (PAC), tal e como expón a Xunta da Galiza.

"Actualmente non estamos nun estado de alarma (que puidese xustificar a adopción medidas excepcionais en materia de recursos humanos). Por tanto, durante as gardas o MIR realizará labor asistencial directa nos PAC acreditados, pero coa supervisión presencial dos médicos adxuntos", sinalan.

Alegan que en urxencias se atenden pacientes con todo tipo de patoloxías, o que obriga a que os médicos que desempeñan o seu labor asistencial "teñan non só os necesarios coñecementos, senón tamén capacidade para estabelecer prioridades e tomar decisións clínicas de forma inmediata".

O Consello pon o foco no punto 4.4 das instrucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) sobre medidas urxentes e excepcionais dirixidas a garantir a dispoñibilidade de persoal sanitario nos Puntos de Atención Continuada que indica que durante os meses de xullo, agosto e setembro, os MIR R4 -de último ano- estarán a disposición para a realización de gardas dos PAC, se fose necesario.

No caso de que profesionais teñan que realizar unha saída por unha atención fóra da PAC, o MIR quedará no centro e avisarase a Central de coordinación de urxencias sanitarias da Galiza 061 para colaborar mentres o MIR queda só na PAC", xa que, como se apunta tamén no Plan, o residente deberá estar supervisado por outro facultativo.

A este respecto aseguran que "deixar só ao MIR nun PAC vulnera claramente a Lei de Prevención de Riscos Laborais" por ausencia dunha avaliación dos riscos para a seguridade e saúde do persoal laboral.

"Tampouco pode substituírse a supervisión presencial dun médico ao MIR pola colaboración telefónica do 061", puntualizan. "A normativa aplicábel sinala, claramente, que o residente ten dereito a coñecer aos facultativos presentes na unidade na que preste servizos para poder recorrer e consultar aos mesmos cando o considere necesario", detallan.

En risco a formación do persoal residente

Recalcan ademais que para exercer como facultativo en atención primaria no Sergas é "indispensáblel" posuír o título oficial de médico especialista en Medicina familiar e comunitaria, "e é evidente, que un MIR R4 aínda non o ten".

O Consello apunta ademais o carácter formativo da relación entre o Sergas e o residente, "cuxa práctica laboral está suxeita a un programa definido de aprendizaxe e adquisición de competencias que, á súa vez, debe estar oportunamente supervisado ou tutelado".

"Esixir a un MIR realizar gardas como médico asistencial nun PAC, sen supervisión, supón expolo a unha eventual responsabilidade penal por devandito desempeño ante casos de mala praxe", apostilan.

Por último, no comunicado deslizan a sorpresa de que á Administración galega non lle sorprenda que os MIR de Medicina de familia "ou se vaian após realizar a súa especialidade ou que renuncien a esta aínda sacando praza, a xulgar polo trato que a mesma ten cara a estes especialistas".

"En resumo, incúmprense as bases do programa docente dos residentes pondo en perigo a súa formación, a calidade asistencial e a seguridade de profesionais e pacientes", conclúen.

Comentarios