O sistema ferroviario de Renfe atópase 'colapsado' ante a escaseza de servizos

As longas fileiras foron a tónica das primeiras xornadas de venda dos abonos gratuítos. (Foto: Arxina)
O servizo ferroviario de Renfe continúa a dar mostras de colapso. Desde que o Goberno español implantou, o 1 de setembro, o abono recorrente gratuíto para os trens de Media Distancia, son numerosas as queixas sobre erros na xestión e sobre a falta de trens,especialmente no Corredoiro Atlántico.

A Plataforma de usuarios e usuarias de Media Distancia da Galiza, formada por persoas usuarias recorrentes do corredoiro do Eixo Atlántico de Media Distancia, e a Plataforma Perder o Tren, de persoas usuarias do corredoiro Avant A Coruña-Ourense, están a demandar unha mellora dos servizos ferroviarios ante a situación de "colapso" que experimenta o servizo ferroviario. 

Ambos os colectivos piden  unha revisión da programación horaria, a asequibilidade das tarifas e dos abonos, a flexibilidade dos propios abonos e a fiabilidade do servizo e a súa puntualidade.

Desde a entidade de persoas usuarias da Media Distancia explican a Nós Diario que existe “un gran problema nos sistemas informáticos de Renfe, tanto na web como na aplicación móbil, que se atopan completamente saturadas”. 

A web e a aplicación móbil de Renfe atópanse completamente saturadas

Esta situación supón que algunhas operacións non se poidan completar, principalmente con respecto á “reserva de prazas ou á cancelación das mesmas". Ademais “moitas prazas quedan bloqueadas e hai numerosas dificultades para acceder aos nosos asentos, porque non temos o código QR preciso”, indican desde a organización.

A este respecto, Renfe vén de limitar as reservas de prazas para evitar que unha mesma persoa poida reter asentos en varios trens un mesmo día e que, ao non seren canceladas, vaian baleiros. Porén, desde a entidade sostén que estes casos non son frecuentes entre persoas usuarias recorrentes.

Se ben resulta fundamental a responsabilidade cidadá á hora de cancelar unha reserva se non se vai realizar a viaxe previamente reservada, ou á hora de non acceder sen billete ao tren -para non ter que ir de pé nos vagóns, como ocorreu a fin de semana pasada-, o "caos" de Renfe non está xerado polas persoas usuarias, senón pola “falta de servizos”, inciden desde a Plataforma de usuarios e usuarias de Media Distancia. 

“O servizo ferroviario está moi demandado e esta morea de xente provoca que para os viaxeiros e viaxeiras habituais resulte un trastorno”. Engaden que “isto era previsíbel” e critican a falta de planificación e de xestión por parte do Goberno estatal.

"Esta morea de xente provoca que para os viaxeiros e viaxeiras habituais resulte un trastorno"

Ademais, a escaseza do servizo ferroviario está a provocar que as terminais de autobuses se atopen repletas de persoas que non conseguiron viaxar en tren, o que, paralelamente, tamén provoca saturación no servizo de autobús.

Problemas nos horarios

Outra das cuestións que máis está a afectar ás persoas usuarias recorrentes son os atrasos dos trens “que xa resultan maiores do habitual”, sosteñen desde a organización. “Comezamos coa plataforma hai un ano pola falta de reposición dos trens que había antes da pandemia, pois provocaba que moitas persoas non tiveramos forma de chegar aos nosos traballos, xa que era frecuente chegar con atraso". 

A plataforma tamén demanda unha maior frecuencia de ferrocarrís, principalmente nas primeiras horas da mañá para aquelas persoas que precisan entrar nos seus postos laborais cedo. “Non se contemplan as xornadas laborais de entrada ás oito da mañá na Coruña ou de retorno a Santiago de Compostela a partir das oito da noite”.

Recuperar os trens suspendidos na pandemia

Todas estas cuestións demostran, como así o asegura a Plataforma de usuarios e usuarias de Media Distancia, a mala xestión e a falta de planificación dos abonos de Renfe. “Por moitos abonos que saquen, os trens son limitados". Por todo isto, ambas as entidades demandan un “aumento dos servizos e a recuperación dos ferrocarrís suspendidos durante a pandemia” así como “un aumento das frecuencias”.

“Por moitos abonos que saquen, os trens son limitados"

Ademais, indican que “é preciso un reforzo para que realmente o ferrocarril sexa un servizo público útil, fiábel e asumíbel” para a poboación galega así como "un fortalecemento dos sistemas informáticos" de Renfe.